CRTVG

Buscar

Reunión de urxencia de Illa coas comunidades ante a repunta dos contaxios

Publicado o 14/08/2020 09:42

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, convocou de urxencia un Consello Interterritorial de Saúde extraordinario cos conselleiros autonómicos para analizar a situación do coronavirus en España, que nas últimas horas se achegou aos tres mil contaxios. A reunión será á unha da tarde. Madrid e Euskadi encabezan as comunidades con máis casos. 

A última reunión do Consello Interterritorial de Saúde celebrárase o 16 de xullo e nela acordárase un documento guía para prever e atallar posibles repuntas. Desde aquela, a situación epidemiolóxica en España foi empeorando cada semana ata achegarse a cifras que non se alcanzaban desde marzo. 2.935 casos notificados nas últimas 24 horas.

A peor evolución rexístrase nestes momentos en Euskadi. Con 545 infeccións, lidera as comunidades con máis casos diarios. De feito, as autoridades estudan restablecer o estado de emerxencia sanitaria. O director do Centro de Alertas Sanitarias considera que se están a tomar as medidas axeitadas para chegar a setembro cos mellores datos.

Fernando Simón, director do Centro de Alertas:"O obxectivo é tentar detectalo todo para controlar o maior número de canles de transmisión e que cheguemos a setembro na mellor situación posible".

Mentres Aragón e Cataluña tenden a estabilizarse, a comunidade madrileña deu conta de 842 contaxios.

Soben tamén os contaxios en Andalucía, máis de 200, e tamén na Comunidade Valenciana, que restablece a partir de hoxe novas restricións para controlar os gromos, como o peche do ocio nocturno e limitacións de ocupación.

Malia o incesante incremento de casos, Fernando Simón asegura que non existe risco inminente de colapso sanitario en España por mor da covid-19. Aínda que admitiu que algunhas comunidades, como Aragón, si sufriron presión nos hospitais nalgúns momentos concretos.

Noticias web

14/08/2020