CRTVG

Buscar

Sanidade prevé que a presión hospitalaria medre aínda dúas semanas máis en Galicia

Publicado o 23/01/2021 15:19

 

O Sergas descarta neste momento ter que recorrer a hospitais de campaña, pero si hai preocupación porque o número de pacientes ingresados tanto nas UCI coma en planta continua medrando. Prevén que a presión hospitalaria supere os niveis máis altos de toda a pandemia.
Pedro Rascado, membro do comité clínico apunta  que "calquera medida que reduza a incidencia non vai reducir o impacto nos hospitais ata dentro de dúas semanas e quizais un pouco máis nas unidades de coidados intensivos. Iso significa que nos agardan dúas ou tres semanas en que a presión hospitalaria poida seguir aumentando aínda que se reduza a incidencia, por iso falamos de que isto non está controlado e que nos quedan unhas semanas complicadas".

Os expertos que asesoran o Goberno galego din que os hospitais "están mellor preparados que en marzo" pero advirten que a "súa capacidade non é infinita". Urxen aumentar as restricións para controlar os contaxios, con medidas como a redución de horarios do comercio e mesmo o peche total da hostalaría.

Xosé Manuel Flores, xerente do Sergas  asegura que , "se os números seguen como están, haberá que tomar medidas máis restritivas. Si que está sobre a mesa o peche da hostalaría, que xa se puxo en practica no modelo Carballiño. É unha das medidas que se poderán tomar se as cousas non melloran nos próximos comités". O xerente do Sergas avoga por establecer medidas moi semellantes en toda Galicia.
"Se nós temos un concello con restrición máxima e o do lado non, a pobación acaba desprazándose nalgun momento. Probablemente a tendencia sexa tratar a Galicia como un municipio a nivel de restricións non a nivel de mobilidade que, tamén é verdade que a mobilidade ímola a reducir cada vez máis", di Flores.
O luns o comité clínico avaliará tamén a prohibición ou a recomendación de evitar as reunións con non conviventes.

Noticias web

23/01/2021