Sanidade comunica máis de 55.000 contaxios e 157 mortes dende o venres en España

Sanidade notificou este luns 4.502.983 de casos confirmados de covid e 81.643 falecidos. A incidencia acumulada sitúase en 673,52 a 14 días e en 291,87 nos últimos 7. Por outra banda, nas últimas horas diagnosticáronse 5.112 casos novos.
Os datos apuntan un "lixeiro descenso" dos casos nesta quinta vaga en España. Así o avanzou a xefa de área do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias (CCAES), María José Sierra, nunha comparecencia que tivo lugar na tarde deste luns.
Tamén fixo mención á "estabilización da incidencia global". Con todo, advertiu de que "seguimos a ter un número moi alto de novos casos notificados cada día".
Conferencia de prensa sobre a evolución da pandemia en España | Podes vela en directo aquí https://t.co/REsIHeWkO5 pic.twitter.com/Y1E5HrQBKM
— G24 (@G24Noticias) August 2, 2021
Sete comunidades autónomas contan cunha incidencia superior a 700. Con todo, obsérvanse importantes diferenzas entre os grupos de idade: os mozos de 12 a 29 anos contarían cunha incidencia superior a 1.500, mentres que para o grupo de 30 a 39 se situaría en 800. Estaría en 400 no grupos de persoas de entre 40 e 49 anos.
"Un nivel moi importante de circulación do virus" está a afectar tanto as hospitalizacions como os falecementos. "Aínda que os ingresos seguen sendo en proporción moito máis baixos que noutras vagas, este alto número de casos está a supoñer unha cifras moi importantes de hospitalizacións e, da mesma maneira, o número de falecidos está a aumentar", apuntou Sierra.
Os contaxios fan que se incremente a ocupación nos hospitais e nas UCI, cunha presión de máis do 20 % e do 9 %, respectivamente. Ascende o número de mortes, con 157 dende o venres e 207 na última semana. Hai uns 1.800 pacientes nas UCI.