CRTVG

Buscar

A partir de hoxe, Sanidade comeza a administrar a nova vacina contra o papiloma

Publicado o 22/07/2019 11:21
A partir de hoxe, Sanidade comeza a administrar a nova vacina contra o papiloma

A Consellería de Sanidade comezará este luns a administrar ás nenas de 12 anos a nova vacina nonavalente contra o virus do papiloma humano (VPH), que substitúe no calendario infantil a vacina bivalente que se está administrando na actualidade, xa que "achega un 10% máis de prevención nos casos de cancro". Desta forma, segundo informou a Dirección Xeral de Saúde Pública, as nenas que fagan 12 anos e que aínda non iniciaron a vacinación fronte ao VPH, recibirán dúas doses da nova, cun intervalo mínimo entre ambas de cinco meses.

Se a pauta se inícia nas maiores de 14 anos, as doses que recibirán serán tres. En tratamentos xa iniciados, o departamento sanitario recomenda finalizar a vacinación coa mesma vacina, sempre que sexa posible. En caso contrario, administrarase a vacina nonavalente para finalizar o réxime de vacinación incompleto, seguindo as normas marcadas en cada caso por Sanidade.

Entre as recomendacións de vacinación de grupos de risco de todas as idades, a Xunta amplía ata os 45 anos a indicación de vacina nonavalente fronte ao VPH nas persoas con VIH, en homes que teñen sexo con homes, en persoas en situación de prostitución e en mulleres con transplantes de órgano sólido ou de proxenitores hematopoéticos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/07/2019