CRTVG

Buscar

Sanidade autoriza unha ocupación do 100 % nos estadios e do 80 % nos pavillóns

Publicado o 29/09/2021 11:30

Aumenta a ocupación considerablemente. Nos estadios de fútbol pasa a ser do 100 por cento  e nos recintos pechados pasa a ser do 80 %. A medida entra en vigor a partir deste venres, 1 de outubro, e afecta todo o deporte federado. Foi acordada polo ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas de xeito unánime, coa única abstención do País Vasco.

O acordo prevé manter de xeito obrigado as medidas de protección: levar máscara, prohibida a inxesta de alimentos e control de accesos aos recintos.

O Obradoiro e o Breogán xogan esta fin de semana na casa. Os dous aumentarán a ocupación en Sar e no Pazo ata o 80 %, así que, todos os seus abonados accederían aos partidos. Nos estadios de futbol, 100 % de ocupación. Este sábado celébrase un Atlético de Madrid-Barcelona no Metropolitano. A medida, entra en vigor este venres. 

Con este acordo, as ocupacións para a liga de fútbol, a ACB e outros eventos deportivos quedan fixados no cen por cento en exteriores e no 80 por cento en interiores, e garantirase sempre unha distancia interpersoal mínima de 1,5 metros. Os asistentes aos eventos serán preferentemente persoas abonadas e público local, e os adestramentos realizaranse preferentemente sen público e, en todo caso, cos límites de ocupación máxima establecidos.

 O acordo establece, así mesmo, a recomendación de proporcionar ventilación natural de forma permanente en interiores, e se esta non fose posible, utilizarase ventilación forzada co fin de obter unha adecuada renovación de aire. Antes da celebración do evento deportivo comunicaranse os detalles de acceso, franxas horarias, medidas de seguridade sanitaria e condicións de admisión.

Nos corredores do Congreso, a ministra de Sanidade Carolina Darias subliñou a unanimidade do acordo e insistiu na necesidade de que se manteñan "todas as medidas farmacolóxicas, a obrigatoriedade das máscaras, non fumar, non comer e non beber".