CRTVG

Buscar

Sanidade asegura que as restricións en Galicia "comezan a dar froitos"

Publicado o 03/02/2021 15:48

• Case 29.000 persoas recibiron xa as dúas doses da vacina

As farmacias de Pontevedra recollerán mostras para PCR 

• Hai 14 casos detectados da cepa británica e un da surafricana

O presidente da Xunta e o conselleiro de Sanidade na xuntanza do comité clínico

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, cre que "este esforzo que lles estamos pedindo aos galegos e ás galegas nas últimas semanas comezan a dar os seus froitos".

Na conferencia de prensa posterior á xuntanza do comité clínico que asesora a Xunta no marco da pandemia de coronavirus, o conselleiro explicou que parece iniciarse unha tendencia descendente, e apoiou esta afirmación en datos como a incidencia acumulada, que baixa por primeira vez no último mes, e no número reprodutivo instantáneo, o número de contaxios de cada enfermo, que está por debaixo de 1.

Os responsables sanitarios detallaron a situación hospitalaria e afondaron no concepto de "hospital único" para garantir a asistencia a toda a poboación en calquera dos centros sanitarios galegos. "Creo que está sendo efectivo", dixo o conselleiro.

Nese sentido, explicaron que ata a xornada de hoxe foi necesario o traslado de 19 pacientes da área sanitaria de Ferrol e outros sete de Pontevedra. 

Segundo explicou o xerente do Sergas, José Flores, a presión en planta estase reducindo, e sitúase nun 16 %. Non así nas unidades de críticos, onde cifrou a ocupación de camas por pacientes de coronavirus nun 42 %. Neste sentido, explicou que as UCI en peor situación son as da Coruña e Ferrol. Con todo, a rede hospitalaria galega  mantense no nivel 3 dos plans de continxencia.

Pedro Rascado, responsable da UCI do CHUS, confirmou que parece que "alcanzamos a meseta, pero non podemos baixar a garda nin quedar satisfeitos porque a realidade é que seguimos tendo unha presión alta e que é probable que nos vindeiros días siga aumentando".

"As medidas restritivas teñen o seu efecto", dixo Rascado. Por iso agradeceu o esforzo da cidadanía en reducir os contactos e a mobilidade. 

O conselleiro de Sanidade informou de que a día de hoxe a cifra de persoas que completaron a vacinación coas dúas doses establecidas ascende a 28.935, entre usuarios das residencias e traballadores destes centros.

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, explicou que a incidencia acumulada a sete días descendeu, de hai unha semana a hoxe, dos 389 casos aos 323, unha baixada "que esperamos que se traduza tamén na incidencia a 14 días".

Aumento das probas diagnósticas

"Na última semana entramos nunha fase de meseta con tendencia decrecente", dixo Durán, que puxo tamén o foco sobre o incremento, "de forma importante", das probas diagnósticas. Así, na última semana realizáronse 118.000 probas, 29.000 delas test de antíxenos e máis de 89.000 probas PCR. Iso dá unha media de 4.400 probas por cada 100.000 habitantes, por riba da media de España situada nas 3.700 probas por cada 100.000 habitantes.

En referencia ás probas diagnósticas, García Comesaña anunciou, acompañado da responsable do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, a incorporación das farmacias desa provincia á recollida de mostras de saliva para a realización de PCR coa técnica de pooling. A presidenta do colexio, Alba Soutelo explicou que xa se adheriron a este proxecto o 52 % das oficinas de farmacia da provincia que, segundo as indicacións do Sergas, ofreceranlles a recollida desa mostra ás persoas de entre 40 e 64 anos, poboación diana deste tipo de proba. O principal obxectivo, neste caso, é detectar asintomáticos.

Desde hoxe incorpóranse novos equipos nos puntos de atención continuada para realizar test de antíxenos.

Galicia incrementa o volume de probas previstas nos cribados poboacionais

De pouco serven se os cidadáns non se presentan a facer a proba. E isto é o pasou na Coruña, onde esta fin de semana pasada se fixo un cribado masivo pero se presentou menos da metade dos convocados. Aínda así, Galicia incrementará o volume de probas diagnósticas e para esta semana ten previstas preto de 50.000.

En hospitais, centros de saúde, recintos feirais ou no covid-auto, o obxectivo é incrementar as probas a través da busca activa de casos. A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán explica que se fai "cun obxectivo moi claro que é a identificación precoz, tanto dos casos, para poder illalos, como dos contactos, para poder poñelos en corentena". E deste xeito frear os contaxios.

O profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública engade que os cribados poboacionais teñen unha utilidade especial, a "de detectar asintomáticos que estean formando cadeas de transmisión ocultas".

E para conseguilo é fundamental a participación, especialmente dos que teñen máis interaccións.

"Sendo importante, non é igual de importante que acuda ao cribado unha persoa que vive soa e ten poucos contactos que, por exemplo, un profesor dun colexio", incide o profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública Alberto Ruano.

Por iso piden superar os temores, laboral ou doutro tipo, que os poden levar a non participar nos cribados. Das preto de 180.000 probas practicadas durante a última semana, máis de 40.000 foron nestes cribados, cun 1% de positividade. 

"É como encontrar unha agulla nun palleiro porque ao cribado poden acudir persoas que ao mellor se puideron contaxiar onte ou hai dous días e o cribado non lles vai dar positivo porque aínda non transcorreu o tempo necesario para esa positividade", mantén Ruano.

Pero cada agulla atopada é un éxito. E axuda a que a baixada da curva epidémica sexa máis rápida.