CRTVG

Buscar

Sanidade amplía as restricións á comarca de Bergantiños e ao concello de Ribadavia

Publicado o 14/11/2020 09:00

• 33 concellos en alerta vermella pola covid-19, tras a saída de Teo, Ribadavia, Tui, A Guarda e Ribadumia

• O Sergas realizará cribados en Xinzo e Ribadavia

• Medidas en vigor: consúltaas no DOG

 

Tal e como facían prever os datos das últimas xornadas, o subcomité clínico da Consellería de Sanidade decidiu hoxe ampliar as restricións que xa se aplican en 60 concellos de Galicia á comarca de Bergantiños, que quedará pechada perimetralmente, agás no caso do concello da Laracha.

Estas medidas, que ademais do peche perimetral supoñen o peche da hostalaría, entran en vigor ás 00:00 horas desta noite e terán unha vixencia de catro semanas.

Igualmente, endurécense as restricións no concello de Ribadavia para tentar frear a progresión ascendente da transmisión do coronavirus.

conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou, tras a xuntanza do subcomité, que "A Rúa, Chantada e Sanxenxo quedarán como están, de momento", pero cun seguimento estreito.

67 concellos coas máximas restricións

Polo de agora, non se van aliviar as medidas en ningún dos xa 67 concellos coas máximas restricións.

Na comarca de Bergantiños os concellos sometidos ao peche perimetral e as restricións na hostalaría son: Carballo, Cabana de Bergantiños, Laxe, Coristanco, Malpica e Ponteceso. Nesta área hai 239 casos acumulados por 100.000 habitantes a 7 días e 371 casos a 14 días, co que case triplica a incidencia media en Galicia.

Mesmo así, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, insistiu en que as decisións que toman os expertos ao adoptar novas medidas restritivas ou de alivio non só atenden a criterios de incidencia acumulada, senón tamén á ocupación hospitalaria ou ás características da poboación, entre outros.

As medidas comezan a dar resultados

As autoridades sanitarias din que este tipo de medidas comezan a dar resultados. Que a expansión do virus en Galicia deixa de crecer ao ritmo das semanas anteriores.  "É certo que levamos só unhas semanas destas medidas máis restritivas pero estamos vendo tamén o resultado de medidas que se tomaran antes", apuntaba o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Pero a melloría é desigual. E nestes momentos preocupa a evolución da comarca de Vigo. "Se ben é certo que semella que se estabiliza, non ten esa tendencia descendente tan marcada como a que vemos en Santiago e que se reproduce en Ferrol, en Lugo e na Coruña" explicou a directora xeral de Saúde Pública.


A Coruña baixa a nivel de alerta laranxa
 

O Concello da Coruña abandonou este venres o nivel vermello de alerta por covid-19, que tamén deixaran atrás esta semana Santiago e Ourense. O conselleiro de Sanidade dixo que traballan co comité clínico no que chaman "criterios epidemiolóxicos de saída"; unha especie de desescalada respecto ás actuais restricións que, de momento, deberá agardar.

"Non queremos ser especialmente optimistas"

O conselleiro dixo que "este é un traballo de todos", polo que agradeceu "o esforzo da cidadanía". García Comesaña engadiu que "non queremos ser especialmente optimistas, sería imprudente, pero é o momento de agradecerlles aos cidadáns que as restricións que se puxeron en marcha, que son duras, estanse a cumprir". E asegurou que Galicia ten unha evolución decrecente da pandemia nos últimos días con signos evidentes dos "resultados das medidas adoptadas".

Nese sentido, referiuse especificamente á hostalaría, un dos sectores "que reciben o maior impacto das restricións". 

O titular de Sanidade pediu tamén un esforzo para "o cumprimento dos protocolos nas visitas aos centros sanitarios, para que se limite o acompañamento aos enfermos", e animou a toda a poboación a que descargue nos seus teléfonos móbiles as aplicacións Radar Covid e Pass Covid.