CRTVG

Buscar

Sanidade advirte contra a falsa sensación de seguridade das vacinas

Publicado o 18/08/2021 21:17

A incidencia da covid segue baixando en Galicia. É un descenso constante pero lento, e aínda insuficente.

"É de 166 a incidencia acumulada a sete días e 416 casos por cada cen mil habitantes cando falamos de 14 días", informaba a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán despois da reunión do comité clínico.

E o conselleiro de Sanidade aseguraba que con estes datos non podemos confiarnos e baixar a garda.

"Falabamos a semana pasada da euforia que poderían ter as persoas vacinadas, moito coidado con esa falsa sensación de seguridade", advertía García Comesaña.

Porque a incidencia baixa na poboación máis nova, pero preocupa moito que segue sen facelo nos maiores de 80 anos. Por iso, desde o comité clínico fan un chamamento á mocidade para que extreme as medidas anticovid. Son un factor de risco para os maiores e tamén eles poden acabar na UCI.

"A persoa máis nova ingresada na UCI ten 16 anos e a maior, 78 anos. No medio hai xente moza de 20, 23, 28, 30, 31, 35 anos...", relataba o titular de Sanidade. E o membro do comité clínico Pedro Rascado insistía en pedirlles aos mozos que cumpran as medidas anticovid.

"Non só por eles, que tamén poden ter unha enfermidade grave. Pero tamén polos seus pais, polos seus avós que xa están vacinados. Por que se a incidencia é moi alta e están en contacto co virus seguen tendo risco de enfermar e de facelo gravemente", aseguraba o responsable das UCI do Clínico de Santiago.

O comité clínico volverá reunirse o vindeiro venres.

Noticias web

18/08/2021