CRTVG

Buscar

Sanidade aconsella na volta ao traballo non saír ante o menor síntoma

Publicado o 10/04/2020 13:13

Os técnicos do Ministerio de Sanidade recomendaron ás persoas que se teñan que reincorporar o vindeiro luns ao traballo que ante o menor síntoma queden na casa, non saian, avisen o sistema sanitario e non contacten con ninguén, porque iso é o que vai cortar a transmisión.

É o consello da xefa de área do Centro de Coordinación de Emerxencias e Alertas Sanitarias, María José Sierra, na conferencia de prensa telemática diaria do comité técnico, cando lle preguntaron pola reincorporación ao traballo dalgúns profesionais o vindeiro luns.

Unha situación que implica, segundo dixo, volver á situación de hai dúas semanas, onde na sociedade en xeral "había moito distanciamento social xa" e onde se ía a traballar nalgúns sectores. "Volvemos a esa situación, pero é verdade que moita xente vai volver traballar", recoñeceu Sierra, quen dixo que desde o Ministerio van saír unha serie de recomendacións para todos os que se reincorporan de novo.

Pero o máis importante que destacou desde a parte sanitaria é que se hai algunha persoa que inicia síntomas, "á menor sensación por calquera persoa que volva traballar, "é importante que quede na casa, ou se está no traballo, que quede no traballo e contacte co sistema sanitario, illándose de forma urxente".

"A mensaxe principal, ademais do de distanciamento, medidas de hixiene, quendas nos traballos ou teletraballo, é, por favor, ante o menor síntoma, contactar inmediatamente co sistema sanitario e poñer as medidas de corentena os contactos que vimos poñendo en marcha desde o principio".