CRTVG

Buscar

Madrid e Barcelona pasan á fase 1 e xa ningunha provincia española quedará en fase 0

Publicado o 22/05/2020 13:52
Madrid e Barcelona pasan á fase 1 e xa ningunha provincia española quedará en fase 0

O Ministerio de Sanidade aceptou a solicitude da Comunidade de Madrid para pasar á fase 1 da desescalada o luns 25 de maio, segundo confirmaron fontes do Goberno autonómico

Era a terceira vez que a Comunidade de Madrid solicitaba pasar á fase 1 despois de que o Ministerio de Sanidade rexeitara as dúas solicitudes anteriores, para os días 11 e 18 de maio.

Tamén Barcelona e a súa área metropolitarna pasarán a fase 1 a partir do próximo luns, malia que segue sendo a comunidade cun maior número de contaxios nos últimos días.

Desde toda España queda como mínimo en fase 1, despois de que temén se lles permitira pasar ás nove capitais de provincia de Castela e León que aínda permanecían en fase 0, así como as dúas provincias andaluzas e Valencia.

O 47 % da poboación, 22 millóns de persoas, entra o luns na fase 2

O 47 % da poboación, 22 millóns de persoas, pasan á fase 2 da desescalada a partir do luns 25 de maio, segundo dixo o ministro de Sanidade, Salvador Illa, na conferencia de prensa tras o Consello de Ministros extraordinario deste venres.

Pasan á fase 2: Andalucía (Almería, Córdoba, Cádiz, Huelva, Xaén e Sevilla), Aragón (Huesca, Zaragoza e Teruel), Asturias, as Baleares (Eivisa, Menorca e Mallorca), as Canarias (Tenerife, Gran Canaria, Lanzarote, Forteventura e A Palma) e Cantabria.

Tamén Castela-A Mancha (Guadalaxara e Cuenca), Estremadura (Cáceres e Badaxoz), Galicia (Lugo, A Coruña, Ourense e Pontevedra), Murcia, Navarra, País Vasco (Guipúscoa, Biscaia e Áraba) e A Rioxa. Ademais, Ceuta e Melilla.

En Cataluña pasan á fase 2 as zonas sanitarias de Campo de Tarragona, Terras do Ebro e o Alto Pireneo e Arán. 

Illa felicitou todas as autonomías polo "tremendo e bo traballo que estiveron realizando para avanzar de fase", xa sexa á 1 ou, como nas citadas comunidades, á 2.

Unha felicitación que fixo extensiva ao conxunto da cidadanía pola súa "seriedade e responsabilidade" á hora de cumprir as medidas de seguridade.

Con todo, Illa advertiu que "cada paso que se dá debe ser un paso seguro, pois o proceso de  desescalada é "complexo e difícil", polo que instou a cumprir as recomendacións sanitarias. 

Pese a que Madrid vai pasar á fase 1, fontes da Consellería de Sanidade sinalaron que segue en marcha o recurso presentado este xoves ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo contra as negativas anteriores do Ministerio de Sanidade a que a rexión pasase á fase 1.

O Goberno de Ayuso argumenta no recurso que non houbo unha aplicación "homoxénea" dos indicadores técnicos entre as distintas comunidades autónomas.

O Ministerio de Sanidade xustificou nunha conferencia de prensa o primeiro rexeitamento pola falta de mecanismos de detección precoz da COVID-19 na poboación, entre outras causas.

Na segunda ocasión, alegou no seu informe a necesidade de consolidar o papel da Atención Primaria e de ampliar a capacidade para facer probas PCR, "xa que podería resultar insuficiente en caso de brote".

Por este motivo, decidiu manter a Comunidade de Madrid na fase 0, pero con algunha mellora, como a apertura de comercios de ata 400 metros cadrados sen cita previa, a celebración de velorios con ata dez acodes e a asistencia a lugares de culto a un terzo da súa capacidade.

Con todo, a Comunidade de Madrid asegurou que desde o principio cumpría "todos os requisitos técnicos que esixe o Ministerio" para pasar á fase 1.

Afirma, ademais que os datos que manexa, como os indicadores de saúde, a capacidade de detección e seguimiento de novos contagios, así como a capacidade do sistema sanitario madrileño para facer fronte a un eventual rebrote da COVID-19, permitían desde hai tempo o cambio de fase.