Sanidade activa o rexistro para facerlles PCR aos estudantes que se despracen
• É unha declaración voluntaria, agás para os procedentes de zonas con alta incidencia
Este luns abre o rexistro para que os estudantes que regresen á casa soliciten a realización dunha proba PCR.
Para facelo, teñen que empregar as ferramentas xa existentes e deseñadas pola Xunta para o rexistro de viaxeiros. Na páxina web viaxeiros.sergas hai xa unha pestana destinada a que os estudantes universitarios se inscriban para a realización da proba.
Tamén se pode solicitar no teléfono 881 00 20 21.
Unha vez cuberta a solicitude, serán citados para facer a PCR no centro de saúde máis acaído.
A medida está dirixida non só aos estudantes que veñen de fóra de Galicia, senón tamén a aqueles que, dentro de Galicia, se vaian mover para regresar aos seus domiciliios familiares.
O xerente do Servizo Galego de Saúde, Xosé Flores, explica na Televisión de Galicia que se trata dunha "declaración voluntaria" pero insiste en que "trataremos de localizalos a todos" para facer a proba e evitar deste xeito, a transmisión da doenza sobre todo en casos asintomáticos.
Para quen si é obrigatoria, como xa era ata o de agora, é para os estudantes que procedan de comunidades cunha alta incidencia acumulada de casos de covid-19, isto é, máis de 250 casos por cada 100.000 habitantes a 14 días.
"Non nos vamos relaxar"
Respecto da posibilidade de que se adopten novas medidas para esta mesma semana, o xerente do Sergas explica que "hai que agardar" á análise dos últimos datos sobre a pandemia en Galicia que vai facer o comité clínico esta tarde. Pero advirte de que "non nos vamos relaxar porque esteamos nestas datas".