CRTVG

Buscar

Sancións en Sanxenxo por incumprir as normas nas terrazas e na rúa

Publicado o 01/03/2021 15:32

A imaxe de hoxe luns en Sanxenxo contrasta coa desta fin de semana. Terrazas baleiras e paseo marítimo deserto, mentres que tanto o sábado coma o domingo víronse imaxes que semellaban ás dun día de verán.

A hostalería funciona só coas terrazas ao 50 % de ocupación e o interior pechado, os que abriron as súas portas non deron feito.

"Desde venres houbo moito movemento, e sábado e domingo foi unha auténtica invasión. Todo o día facendo cola nas terrazas, a terraza estaba chea porque estaba o 50 % e a xente facía cola en todos os bares para poder coller mesa", di un hostaleiro de Sanxenxo.

Os comerciantes tamén notaron a apertura do peche perimetral do concello. A mobilidade está permitida practicamente en toda a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.

"Da área sanitaria de Pontevedra- O Salnés todo o mundo non era. Moita afluencia, moi ben e a ver nós agradecémolo", comenta unha comerciante dunha tenda de roupa.

Ante a gran afluencia de visitantes, a Policía Local de Sanxenxo reforzou a vixilancia do cumplimento da normativa sanitaria contra a covid-19.

"A policía fixo fincapé no do 50%, incluso fixemos menos", asegura unha comerciante sobre os aforos.

Segundo o Concello de Sanxenxo, houbo durante a fin de semana 9 denuncias por non levar máscara ou levala mal posta, así como 7 avisos a locais de hostalería por non cumprir a normativa.

Noticias web

01/03/2021