CRTVG

Buscar

Sánchez o promete o cargo na Zarzuela e pospón o Consello de Ministros á semana que vén

Publicado o 08/01/2020 09:54

Investido xa polo Parlamento como presidente do Goberno, Pedro Sánchez xura o cargo esta mañá ás once, no pazo da Zarzuela. O nomeamento oficial e xura do resto dos ministros e ministras quedará para a semana que vén. Onte á tardiña, Moncloa descartaba celebrar un Consello de goberno este venres. Quedan aínda flocos pendentes nos cargos intermedios.

Un ano e medio despois da súa primeira toma de posesión como presidente do Goberno, Sánchez volve á Zarzuela para xurar o cargo ante o Rei. O líder socialista recibía onte a confianza do Congreso dos Deputados, por minoría simple e coa marxe máis axustada da historia da democracia, nunha sesión breve que reeditou a tensión da pasada fin de semana.

"Teñan un pouco de nivel democrático, respecten o orador en uso da palabra, esta cámara non é súa. Foron vostedes cambiando de pretextos para gañar tempo, pero a razón sempre foi a mesma: ou gobernan as dereitas ou non hai goberno en España", pedíalle Sánchez á bancada da dereira, ao tempo que reclamaba a fin da crispación. "Chegados a este punto, poden facer dúas cousas. Ou seguir indefinidamente na perrencha ou aceptar o resultado", dixo.

A presidenta do Congreso, Meritxel Batet, comunicoulle onte a investidura de Sánchez a Filipe VI, nunha reunión de 45 minutos en que o monarca asinou o nomeamento do presidente do Goberno. Precisamente, a relación do futuro Goberno coa monarquía volveu ser onte obxecto de controversia.

A actitude dos deputados de Vox, PP e Ciudadanos foi reprochada por grupos como o PNV e Unidas Podemos.

"O Rei podería optar por propoñer o señor Casado, o señor Abascal ou a señora Arrimadas, e resulta que propuxo o suposto felón Pedro Sánchez. Segundo a súa lóxica, que irresponsabilidade a do monarca!", declarou o voceiro do PNV, Aitor Esteban.

Mentres, o líder de Unidas Podemos facía unha petición a Sánchez: "Que fronte aos intolerantes, os provocadores e os que queren levar a España ao pasado teñas o mellor ton e tamén a maior firmeza democrática".

Os socios de goberno aplaudíronse mutuamente en varias ocasións e tamén deron mostras de sintonía cos grupos que apoiaron a investidura. Mesmo así, ao primeiro goberno de coalición quedánlle aínda flocos, en cargos intermedios.

Pola parte de Unidas Podemos transcenderon onte os nomes de Julio Rodriguez, o ex-xemad, como novo responsable de gabinete de Iglesias. Ione Belarra como secretaria de Estado de Axenda 2030, e Nacho Álvarez para a Secretaría de Estado de Dereitos Sociais.

Moncloa confirmou onte que o Consello de Ministros ao completo non se coñecerá nin se reunirá ata a próxima semana.

Noticias web

08/01/2020