CRTVG

Buscar

Sánchez volve apelar á responsabilidade de PP e C's para non bloquear a investidura

Publicado o 20/06/2019 19:25

O pacto do PSOE cos nacionalistas no Parlamento de Navarra sepulta calquera opción de que Partido Popular ou Ciudadanos faciliten a investidura de Pedro Sánchez. Acusan os socialistas de cruzar unha liña vermella por facilitar a entrada de Bildu na Mesa da cámara autonómica. Aínda así, o presidente do Goberno en funcións volveu apelar á responsabilidade da oposición para que non bloqueen o arranque da lexislatura. 

Pedro Sánchez volve pedirlles a PP e Ciudadanos que asuman a súa responsabilidade para evitar o bloqueo ou a repetición das eleccións.

Pedro Sánchez, presidente do Goberno en funcións: "A responsabilidade do Partido Popular e de Ciudadanos como partidos que se din de estado é facilitar a investidura, non bloquear, e garantir unha certa estabilidade ao Goberno de España"

Pero os dous interpelados cren que o acontecido o mércores no Parlamento de Navarra acaba con calquera posibilidade de abstención. O PSOE apoiou que Geroa Bai presida a cámara, pero non votou a favor da entrada de Bildu na Mesa. Pero PP e Ciudadanos ven as dúas circunstancias como parte dun mesmo acordo que, na súa opinión, revela con quen quere lograr Sánchez a investidura.

Pablo Casado, presidente do PP: "É imposible pactar con Bildu e ao mesmo tempo intentar que o Partido Popular se absteña na túa investidura"

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos: "Con este sanchismo, con este PSOE non podemos ir da man a ningún sitio porque está quebrando todas as liñas dos últimos 40 anos do constitucionalismo"

O pacto navarro si coloca máis preto de Sánchez os votos dos 6 deputados do PNV .

Andoni Ortuzar, presidente do PNV"Onte quitáronse eses obstáculos e agora hai que andar o camiño en positivo. Pero hai que falar, hai que confrontar ideas, hai que asumir compromisos polas dúas partes"

Tamén segue negociando Esquerra, a pesar de que os socialistas non apoiasen a Maragall á alcaldía de Barcelona.

Gabriel Rufián, ERC: "Si, as conversas seguen dentro da normalidade. Nós non imos ser os responsables dunhas segundas xerais"

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/06/2019