CRTVG

Buscar

Sánchez, sobre os indultos do 'procés': "A vinganza non é un valor constitucional"

Publicado o 25/05/2021 18:24
EFE

O presidente de Goberno Pedro Sánchez asegurou este martes que para decidir se o Executivo indultará ou non os dirixentes do procés catalán terá en conta valores constitucionais como os "da concordia, o diálogo e o entendemento", pero non "a vinganza nin o desquite". Sánchez referiuse á decisión que debe adoptar o Executivo en relación con eses indultos na conferencia de prensa que ofreceu en Bruxelas ao termo da reunión extraordinaria do Consello Europeo.

Ante a interpretación de que as súas palabras suxiran a súa posición favorable á concesión dos indultos fronte ás súas manifestacións de 2019, en que dixo que deberían cumprir integramente as súas penas, o xefe do Executivo recalcou que "é moi importante mirar cara ao futuro e aprender dos erros". O xefe do Goberno subliñou que a decisión se adoptará cando cumpra tras un debate que se vén arrastrando desde 2017, e unha vez que o Tribunal Supremo emita o seu informe preceptivo.

Sánchez lembrou que, como líder da oposición, apoiou en 2017 a aplicación do artigo 155 da Constitución para suspender a autonomía de Cataluña e en defensa da integridade territorial do país. Adoptou aquela decisión porque entendía que era unha cuestión de Estado que esixía do concurso e apoio dos principais partidos. Por todo iso insistiu en que ten moi claro que a decisión que tome vai ter moi presentes valores constitucionais como "a concordia, o diálogo, o entendemento, a superación dunha crise que desgarrou non só á sociedade catalá senón o conxunto da sociedade española en 2017, e o encontro". "Eses principios e valores constitucionais serán os que para min como presidente do Goberno pesarán na decisión que tome o Goberno. O que para min non son principios constitucionais e nunca o representaron —apostilou— son a vinganza ou o desquite". Da mesma forma, resaltou a necesidade de que os partidos soberanistas respecten a lei e a Constitución pero, á vez, que todos os políticos tenten "superar fracturas" e reencontrarse.

Sánchez lamentou que o PP ligue os indultos a chegar ou non a un acordo para a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial e enmarcou o feito nunha estratexia de bloqueo e considerouno unha escusa máis para non cumprir coas obrigas constitucionais. Sánchez asegurou que recibirá no Palacio da Moncloa o presidente da Generalitat, Pere Aragonés, como o fixo con calquera outro presidente autonómico e fará tamén, avanzou, coa presidenta da Comunidade de Madrid Isabel Díaz Ayuso. O presidente do Goberno enmarcou esas reunións na "cortesía constitucional".

Cuestión distinta dixo que é unha futura reunión da mesa de diálogo entre o Goberno central e o catalán, que el está disposto a propiciar e que sería despois do seu encontro inicial con Aragonés. Ao mesmo tempo, avogou por unha mesa de diálogo no Parlament de Cataluña entre os diversos partidos porque lembrou que moitas persoas non comparten o proxecto independentista e o diálogo debe demostrarse en todos os ámbitos. 

 

Noticias web

25/05/2021