CRTVG

Buscar

Sánchez urxe a executar o fondo da UE nun cumio marcado polo conflito Chipre-Turquía

Publicado o 01/10/2020 21:25

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, urxiu este xoves ás institucións europeas a axilizar os trámites para executar canto antes o fondo de recuperación e insistiu na necesidade de impulsar a industria para que Europa sexa autosuficiente ante futuras crises ou pandemias.

Con estas demandas acudiu Sánchez a Bruxelas á reunión extraordinaria do Consello Europeo, que deixa para mañá a discusión económica e hoxe se centra na política exterior, aínda que o xefe do Executivo puxo a énfase, á súa chegada a Bruxelas, na necesidade de axilizar os pasos para que España reciba a inxección económica europea.

Todas estas cuestións económicas veranse con máis profundidade mañá e esta tarde e noite os Vinte e sete debaten sobre política exterior, sobre todo sobre cuestións como a crise do Mediterráneo Oriental aberta entre Grecia e Chipre con Turquía. Unha vez máis, Sánchez sinalou que desde o Goberno de España se apostou sempre polo diálogo construtivo e recalcou a importancia da relación estratéxica que deben ter Turquía e a UE.

Tamén valorou o labor de mediación que está a facer o alto representante da UE para a Política Exterior, o español Josep Borrell. As fontes da delegación española subliñaron así mesmo que o presidente do Goberno estivo traballando para axudar nestes labores de mediación, que tamén impulsou a Presidencia de quenda da UE, a cargo de Alemaña. 

 

Noticias web

01/10/2020