CRTVG

Buscar

Sánchez traslada aos investidores nos EUA que "a recuperación está en marcha"

Publicado o 22/07/2021 10:02

Pedro Sánchez defendeu en Nova York que o seu Executivo é unha garantía de estabilidade e certeza para os investimentos de empresas e fondos estadounidenses.

Di que o Goberno ofrece feitos mentres a oposición "berra", e garantiu que aprobarán este ano uns novos Presupostos Xerais. O presidente do Goberno reuniuse con varios multimillonarios en busca de capital privado que queira investir en España. A xira continuará nos Ánxeles e San Francisco.

O presidente do Goberno trasladoulles aos representantes dos principais fondos de investimento dos Estados Unidos que a prioridade en España é a recuperación económica antes que unha reforma fiscal na que se está traballando.

Sánchez lanzou esa mensaxe aos investidores estadounidenses nas reunións que mantivo con eles o mércores en Nova York ao comezo da súa xira económica con que pretende exhibir as oportunidades de negocio que ofrece España. Desvelou que lle preguntaron por cuestións como a reforma laboral, a das pensións, a formación profesional, as políticas activas de emprego ou a fiscalidade. Sánchez preguntouse como non se van a interesar por todos eses asuntos os fondos de investimento e explicou que en relación coa fiscalidade e con impostos como o dixital lles trasladou que se ten que consolidar un financiamento adecuado do Estado do benestar.

Nese sentido, expúxolles que se creou unha comisión de expertos en España para facer unha proposta de reforma fiscal, pero que neste momento o esencial é a recuperación económica.

Dixo ademais que non lle preguntaron por problemas que poida haber entre os socios de Goberno PSOE e Unidas Podemos nin tampouco en ningún momento se interesaron pola situación de Cataluña.

Si lles detallou a axenda de reformas que prevé o Goberno e que recolle o Plan de Recuperación, Transformación e  Resiliencia da economía.

Sánchez xustificou que na súa xira polos Estados Unidos non se reúna co presidente estadounidense Joe Biden ao recalcar que a viaxe ten un marcado carácter económico porque esa é agora a prioridade de España.

Noticias web

22/07/2021