Sánchez Salorio: "'La lección del sábado' son artigos sobre o que vexo"
Na entrevista do Bos días, Marcos Sueiro conversa co doutor Manuel Sánchez Salorio, catedrático de Oftalmoloxía da USC.
O doutor Sánchez Salorio acaba de publicar un libro que se titula La lección del sábado.
La lección del sábado é unha colección de artigos.
"É unha colección de artigos que todos xuntos chamo La lección del sábado, porque ao escribir recoñézome sobre todo como un docente. E sábado porque o sábado é un sinónimo de liberdade, o contrario á forzosidade do traballo dos días de diario".
"O libro vano presentar o mércores Barreiro e Ramón Villares, dous grandes presentadores. Ramón Villares é un pouco o causante de que eses Zaguanes, que é como se chamaba esa colaboración periódica, saia agora en forma de libro, despois de que dous tertulianos un día no Araguaney fixeran algún eloxio dalgún zaguán. Cando saïamos Villares, rindo, díxome en voz baixa: "Vas camiño de converterte nun autor póstumo". Así que preferín compactalo antes de morrrer.
"Gustame escribir sobre cousas sinxelas que vexo"
"Gustame escribir sobre o que se ve. Sobre cousas sinxelas e pequenas. O libro é un pouco herdeiro, aínda que soe petulante, dun artigo de Ortega de hai un século, El libro de los Estados, do infante Xoán Manuel, alá polo S.XV., en que o infante di que todos os estados se resumen en tres: o estado dos defensores, o dos oradores e o dos agricultores, (...) e Ortega requírelle un cuarto estado, que sería o dos espectadores, dos que gustan mirar e admirar".
"Chámame a atención a confusión. Se nos referimos á actualidade, á política.... hoxe a rúa mobilízana colectivos que non son partidos: son os vellos coas pensións, son as mulleres con feminismo e algunha cousa así. E os políticos non mobilizan, buscan onde poder meterse no medio dos que se están mobilizando. Iso provoca confusión".
O camiño á igualdade era previsible
"O camiño á igualdade era previsible, pero non o era a forma radical que ás veces se manifesta. Na miña especialidade, por exemplo, Santiago tivo a primeira muller catedrática de Oftalmoloxía; Galicia, as primeiras xefas de servizo de Oftalmoloxía nos grandes hospitais. Agora é natural, cando eu cheguei iso non o podiamos entender".
"A sanidade galega está mellor do que pensan os que estes días están na rúa. Todo o mundo quere ter os servizos a menos de 30 metros e iso provocou dispersión, xusto nun momento en que mellorou a mobilidade das persoas. O ideal é que máis xente fose a menos sitios e neses sitios podería haber máis medios, pero iso é impopular. É dificil, ter medios para os chiringuitos, por así dicilo, dispersos".