CRTVG

Buscar

Sánchez rexeita o cara a cara que pide Iglesias para desbloquear a investidura

Publicado o 11/09/2019 20:59

Pedro Sánchez foi ao Congreso a informar de asuntos europeos. Pero o delicado estado das negociacións de investidura eclipsouno todo. Era a primeira vez que Sánchez e Iglesias falaban desde xullo. 

Pedro Sánchez, presidente do Goberno en funcións, pediulle a Iglesias "que reflexione. Non leve o país outra vez a eleccións". O secretario xeral de Podemos insistiu en que "é preferible sempre un goberno de coalición antes que unha repetición electoral". Sánchez cre que "non hai unha única fórmula para que nos poidamos entender, non só está a coalición".

Iglesias propuxo: "Vostedes fixéronnos unha proposta no mes de xullo e nós, unha contraproposta. Propóñolle que sobre a base desas dúas propostas sentemos a negociar".

O líder socialista cre que "podemos facer moitas cousas, señor Iglesias. Porque non sopesa e non valora a proposta intermedia que propuxo o grupo parlamentario socialista?".

Iglesias propuxo desbloquear a situación cunha entrevista entre líderes, idea que secundou o PNV. Pero Sánchez non está polo labor.

Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, ofreceu: "Vólvolle tender a man desde aquí. Sentemos vostede e mais eu e poñámonos a traballar, e se non o logramos, polo menos que a xente non poida estar ofendida porque non lle dedicamos as horas que sexan necesarias para buscar un acordo".

Aitor Esteban, do PNV, cre que "os únicos que poden arranxar nestes momentos xa son vostedes, señor Sánchez, señor Iglesias, porque os seus equipos xa non teñen capacidade negociadora".

Pero Pedro Sánchez, presidente do Goberno en funcións, prefire que "se teñen propostas que facer, fáganas. Está a mesa negociadora"

Na oposición, Ciudadanos respondía así á petición de colaboración de Sánchez. Albert Rivera, presidente de Ciudadanos , apelou ao líder do PSOE: "Dixo aquí: 'a ver cando podo falar con vostede, señor Rivera'. Ben, imos falar. Se quere, mañá reunímonos para ver como aplicar o 155 en Cataluña".

E o PP demostraba pouco medo á repetición electoral. Pablo Casado, presidente do PP, dixo: "Lémbrolle que esas tres dereitas e algún partido rexionalista máis teñen máis votos que os que o Partido Socialista e Podemos sacaron en abril. Polo tanto, non tente vostede a sorte".

O Congreso reabría tras as vacacións. En 12 días pode quedar outra vez disolto.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/09/2019