CRTVG

Buscar

Sánchez rexeita a última proposta de Iglesias

Publicado o 12/09/2019 20:41

• O Rei reunirase cos líderes dos partidos os días 16 e 17

Foi unha conversa telefónica de dez minutos. Pablo Iglesias propúxolle a Sánchez un goberno de coalición cun período de proba. Se tras a aprobación dos orzamentos, o presidente do Goberno non estivese satisfeito co seu traballo, Podemos abandonaría o executivo mantendo o apoio parlamentario. Na mesma conversa, o líder socialista rexeitou a proposta: di que non se dan as bases mínimas de confianza e cre que non sería un goberno cohesionado, coherente e cunha única dirección.

Juan López de Uralde, de Unidas Podemos, di: "Nós seguimos abertos, man tendida. Nunca quixemos romper as negociacións, e estamos aí. Oxalá que se poidan retomar".

O Rei falará con todos os partidos entre o luns e o martes para ver se hai posibilidades de investidura. Tras verse con Filipe VI, a presidenta do Congreso revelou que o monarca quere un goberno estable canto antes.

Meritxell Batet, presidenta do Congreso, di: "Compartimos a visión de que o país necesita un goberno estable, o país necesita estabilidade e poñerse en marcha".

Sánchez pechará esa rolda de consultas. Adianta que se o monarca llo pide, só aceptará ir a unha investidura cos votos asegurados.

Carmen Calvo, vicepresidenta do Goberno en funcións, di: "O candidato do Partido Socialista e presidente en funcións, se non ten os apoios previos, non aceptará ese encargo. Tempo hai, se se pode, farase".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/09/2019