CRTVG

Buscar

Sánchez reuniu os ministros en Quintos de Mora para analizar a axenda lexislativa

Publicado o 08/02/2020 21:27

O Goberno viviu hoxe unha xornada convivencial en Quintos de Mora, unha propiedade do Estado, onde os ministros de Pedro Sánchez tiñan como un dos obxectivos avanzar nas relacións persoais e políticas.  Alí, na provincia de Toledo, analizaron os futuros Presupostos do Estado e tamén avanzaron na concreción da axenda dos primeiros meses da lexislatura.

A maior parte dos ministros partían pola mañá desde A Moncloa en autobús e a chegada a Quintos de Mora, en Toledo, producíase pouco antes das dez. Comezaba un sábado de traballo, pero centrado sobre todo na faceta coNvivencial, entre xestos de distensión.

Pedro Sánchez adiantouse na chegada e foinos recibindo personalizadamente. Atrás quedan os tempos en que amosaba as súas reticencias a formar Goberno con Unidas Podemos e este primeiro executivo de coalición da democracia cumpre agora un mes sen desencontros de calado.

Desde A Moncloa sinalouse que o obxectivo era que os ministros do PSOE e Unidas Podemos se coñezan mellor e analizar os retos dos primeiros meses de lexislatura, cos Presupostos do Estado na diana das prioridades. Pola mañá revisaron os proxectos de lei que aspiran a sacar adiante neste trimestre e as grandes liñas para elaborar os Orzamentos estatais.

Pola tarde, a axenda centrouse en avaliar as transformacións que pretende impulsar o executivo nesta lexislatura, desde a cohesión territorial ata a transición ecolóxica. A xornada convivencial remataba pouco despois das sete da tarde.

Transcendeu que cada ministro explicou as prioridades do seu departamento e Pedro Sánchez salientou que nos próximos meses se vai vivir unha etapa de "gran dinamismo lesxislativo". Sánchez reunírase xa en Quintos de Mora co seu primeiro Goberno no verán de 2018, pero naquela ocasión tratábase dun executivo monocolor.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/02/2020