CRTVG

Buscar

Sánchez reunirase cos partidos a próxima semana cun paquete con 300 medidas

Publicado o 29/08/2019 20:59

Pedro Sánchez rompeu o silencio, foi na volta á actividade do Congreso. Ali o presidente do Goberno en funcións confirmou que se reunirá cos partidos a partir do martes, que será cando presente un paquete de 300 medidas que recolle as propostas dos colectivos sociais cos que se está reunindo, o programa electoral do PSOE e parte do de Podemos. Pedro Sánchez pide "altura de miras" a todos os partidos para lograr un goberno, fíxoo sen mencionar expresamente a Unidas Podemos.

"O que pido simplemente é responsabilidade, xenerosidade e altura de miras a todas as forzas políticas para que non teñamos que vernos abocados o próximo 23 de setembro a convocar de nova eleccións", di Pedro Sánchez,  presidente do Goberno en funcións.

Desde Unidas Podemos pídenlle que acelere as negociacións porque agardar, din, ata última hora coa ameaza das eleccións non é unha boa estratexia. Iglesias insiste en recuperar a proposta de coalición que lle fixo o PSOE en xullo.

"Se o Partido Socialista volve presentar a mesma oferta que fixo, nós sentamos con eles e estou convencido que é unha cuestión horas sacar un goberno de coalición", asegura Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos.

Pero o PSOE dá esa opción por morta. Aínda que Sánchez anunciou esa nova rolda de contactos, algúns dos seus socios potenciais aínda non recibiron a chamada. Desde Esquerra lanzan unha advertencia.

"O feito de que esquerda non sexamos capaces de poñernos de acordo teñamos a bandeira que teñamos no logo, é dunha enorme irresponsabilidade", afirma Gabriel Rufián de Esquerra Republicana de Cataluña.

"A única chamada que nós recibimos foi de Ábalos o día 27 de xullo, e non soubemos nada máis. Que nos chamarían, pero ningúen chamou", comenta Aitor Esteban do Partido Nacionalista Vasco.

Se non hai garantía de que Sánchez vaia ter os apoios suficientes, non irá a outra sesión de investidura. Os socialistas recordan, que, desta volta, non ten o encargo do rei de formar goberno.

Noticias web

29/08/2019