CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez non descarta "ningún escenario" para actuar en Cataluña

Publicado o 16/10/2019 20:58

• Os partidos, divididos sobre a resposta á crise

Pedro Sánchez confirmoulle a Pablo Iglesias a colaboración entre Mossos d'Esquadra e Policía Nacional. Por iso, o líder de Unidas Podemos non ve base para aplicar a Lei de seguridade nacional nin un 155 que, na súa opinión, xa se demostrou que non resolve nada. El aposta por responder con sensatez, tranquilidade e intelixencia. Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, di que "a nosa plena disposición a colaborar en todas as iniciativas que vaian na dirección da desinflamación e o diálogo. A miña impresión é que o Goberno en funcións non ten previsto tomar ningunha medida no sentido da excepcionalidade"

Todo o contrario do que lle pediu Albert Rivera, enviar todos os gardas civís e policias que fagan falla e activar o 155 para cesar o presidente da Generalitat. Albert Rivera, presidente de Ciudadanos, cre que "non podemos ter un policía atracando bancos, non podemos ter un bombeiro incendiando campos e edificios. Pois tampouco podemos ter un presidente autonómico atacando o estado e colapsando infraestruturas do estado"

Pablo Casado pídelle a Pedro Sánchez que lle envíe un requirimento a Quim Torra lembrándolle as súas obrigas constitucionais e legais como paso previo a unha eventual aplicación do artigo 155 da Constitución. O líder do PP, que tamén volveu esixir a aplicación da Lei de seguridade nacional, endurece o ton pola postura do presidente ante a crise. Pablo Casado, presidente do PP, di que "saio desta reunión coa preocupación de que a imprevisión sobrepasou a Pedro Sánchez. Por iso lle dixen que conta con todos os mecanismos e instrumentos do Estado de dereito para facer fronte a unha escalada de violencia inadmisible"

O Goberno non desbota ningún escenario, pero rexeita polo momento tanto a intervención da autonomía como tomar o control dos Mossos. José Luis Ábalos, secretario de Organización do PSOE, di que "non renunciamos a ningún recurso, pero nestes momentos non se dan os supostos para aplicar a Lei de seguridade nacional. Que ninguén confunda a moderación coa ausencia de firmeza"

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí