CRTVG

Buscar

Sánchez cita a Podemos a finais de agosto

Publicado o 09/08/2019 20:14

Pedro Sánchez apura os prazos para intentar outra vez a investidura. Comezará a negociar os apoios cando falte menos dun mes da data límite do 23 de setembro.

Pedro Sánchez, presidente do Goberno en funcións, dixo que "a finais de agosto e primeiros de setembro teremos os encontros. Falaremos co Partido Nacionalista Vasco, co Partido Rexionalista Cántabro, coas forzas nacionalistas de Cataluña e con Unidas Podemos para ver se podemos chegar a un acordo que materialice este goberno progresista"

Sánchez di que quere falar do contido e non do continente. Vailles presentar un programa aberto e baseado nas achegas dos 180 colectivos cos que se reuniu estes días, os derradeiros, os representantes do mundo da cultura. Desde a investidura, non houbo contacto con Unidas Podemos, desde onde lamentan o ton das últimas intervencións dos socialistas.

Yolanda Díaz, de Unidas Podemos, "semella que estes días hai certa confusión no Partido Socialista e as declaracións do propio señor Sánchez parece que non camiñan cara unha posición de encontro" Isabel Celaá, voceira do Goberno en funcións, dixo que "se se perdeu a confianza, é preciso recuperala. Sabemos que é un dos valores que máis difícil é recuperar unha vez que se perde. Pero temos a obriga de recuperar a confianza"

Sánchez chamará tamén ao PP, pero non a Ciudadanos. Acusa recibo da negativa de Albert Rivera a volver a verse con el. Os populares critican que se inclúa aos independentistas nas negociacións.

Jaime de Olano, vicesecretario de Participación do PP, cre que "hoxe asistimos ao inicio do proceso de branqueamento dos partidos de Junqueras e do señor Puigdemont, de Esquerra Republicana de Cataluña e do PDeCAT, aos que o señor Sánchez cualificou de meros nacionalistas"

Os populares lamentan que Sánchez empece a negociar un programa de goberno 120 días despois das eleccións.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí