CRTVG

Buscar

Sánchez prescinde do seu núcleo duro nunha ampla renovación do Goberno

Publicado o 11/07/2021 13:05

Consulte a lista dos novos ministros

• Os ministros de Unidas Podemos manteñen os cargos

• Félix Bolaños, novo home forte como ministro de Presidencia

• Principais vítimas da remuda: Calvo, Ábalos e Redondo

Antes de acabar o curso político e despois de negar o ruxerruxe desta semana Pedro Sanchez anunciou a nova composición do seu Goberno cuxos cambios non afectan á ala de Podemos.

Porque haberá tres vicepresidencias e non catro, todas nas mans de mulleres.

A vicepresidenta segunda será Yolanda Díaz e a terceira Teresa Rivera. Díaz segue á fronte da carteira de Traballo e Rivera da de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

Pedro Sánchez converte a Nadia Calviño en vicepresidenta primeira en lugar de Carmen Calvo, que o martes xa non sentará no consello de ministros como ministra de Presidencia. No seu lugar estará Félix Bolaños, ata agora secretario xeral da presidencia.

Homes fortes de Sánchez serán substituídos. Iván Redondo como director de gabinete e José Luis Ábalos como ministro de Transportes. O seu lugar vaino ocupar a xa exalcaldesa de Gavá, en Barcelona, Raquel Sánchez Jiménez. Outra exalcaldesa socialista, Diana Morant, rexedora de Gandía será ministra de Ciencia e Innovación ao marchar Pedro Duque.

Arancha González Laia deixa o Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación e será substituída por José Manuel Albares, exembaixador de España en París.

Pilar Llop, ata hoxe presidenta do Senado, ocupará a carteira de Xustiza que deixa Juan Carlos Campo Moreno. Ander Gil será o novo presidente do Senado.

José Manuel Rodríguez Uribes, Ministro de Cultura deixa o posto a Miguel Iceta. Iceta será substituído como ministro de Política Territorial por Isabel Rodríguez García, que ademais será a nova voceira do Goberno.

Marcha da carteira de Educación Isabel Celaá para ser remudada por Pilar Alegría.

O rei foi informado dos cambios de titulares das carteiras gobernamentais efectuados polo presidente do Goberno esta mesma mañá. Os ministros xurarán ou prometerán os seus cargos o luns, e o martes 13 de xullo xa participarán no seu primeiro consello de ministros.

Noticias web

11/07/2021