CRTVG

Buscar

Sánchez rectifica e inclúe a Iglesias na supervisión dos fondos europeos

Publicado o 24/11/2020 19:38

Un borrador filtrado á prensa antes de tempo está detrás do último desencontro entre os socios de coalición. Trataba sobre a comisión que vai supervisar o destino dos 140.000 millóns de euros de axudas europeas á reconstrución. En principio, ese equipo ía estar integrado por 11 ministros, todos do PSOE agás a responsable de traballo, Yolanda Díaz. A semana pasada o vicepresidente Pablo Iglesias trasladoulle a Pedro Sánchez o seu malestar por verse excluído. Agora o Goberno rectifica.

María Jesús Montero, voceira do Goberno, explicou que "será o propio Consello de Ministros o que fará ese encargo que nese borrador previo se facía a esa comisión interministerial que pasará a ser agora o Consello de Ministros".

Montero explicou que a rectificación foi orde expresa do presidente, aínda que non aclarou se o fixo antes ou despois da protesta de Iglesias. O decreto aprobarase antes de fin de ano. Eliminará trámites para axilizar a asignación dos fondos europeos sen necesidade de informes previos e mesmo sen concurso público.

Noticias web

24/11/2020