CRTVG

Buscar

Sánchez propón reformar a Constitución nun discurso sen referencias a Cataluña

Publicado o 22/07/2019 20:32

Pola mañá, o candidato á presidencia do Goberno expuxo o seu programa político, centrado na axenda social e o desenvolvemento sustentable. Pedro Sánchez propuxo reformar a Constitución para evitar bloqueos nas investiduras. Foi nun discurso sen referencias a Cataluña e cunha soa apelación a Unidas Podemos. 

25 leis, 12 pactos de estado, 3 reformas da Constitución e case un cento doutras medidas. Debullounas Pedro Sánchez en dúas horas de discurso en que enarborou a bandeira do feminismo, a educación ou a defensa do medio ambiente.

Pedro Sánchez, candidato á presidencia do Goberno: "Modificaremos a tipificación dos delitos sexuais, porque unha violación é unha violación. Non queremos 'manadas' nin lobos solitarios nas rúas do noso país".

Pedro Sánchez, candidato á presidencia do Goberno: "Propóñolles un acordo que garanta que o investimento educativo sexa do 5% do produto interior bruto con independencia da conxuntura económica e dos gobernos que haxa nos próximos anos".

Pedro Sánchez, candidato á presidencia do Goberno: "Regularemos a obriga de que as cidades de máis de 50.000 habitantes se doten de zonas de baixas emisións con restricións para os vehículos máis contaminantes. Ninguén vai parar Madrid Central".

Sánchez propuxo cambiar a constitución para impedir bloqueos na formación do goberno, non mencionou a Cataluña e deixou para o final o cortexo a Unidas Podemos.

Pedro Sánchez, candidato á presidencia do Goberno: "Ata agora falamos moito das nosas diferenzas, e estamos comprobando que non é sinxelo acadar un punto de encontro. Pero nada que pague a pena é doado, e o que temos por diante paga moito a pena. O que nos une é a promesa da esquerda".

Noticias web

22/07/2019