CRTVG

Buscar

A Policía e a Garda Civil terán grupos de delitos de odio

Publicado o 10/09/2021 14:54

Pedro Sánchez presidiu este venres a reunión da comisión de seguimento do plan de loita contra os delitos de odio. No acto tamén participaron o ministro do Interior, altos cargos da policía e Garda Civil e asociacións cívicas, entre outros.

O presidente convocou a xuntanza de xeito extraordinario, tras a denuncia presentada por unha agresión homófoba en Malasaña que finalmente resultou ser mentira. A pesar do xiro que deu o caso, o Goberno decidiu manter a axenda porque este tipo de delitos aumentaron un dez por cento no que vai de ano.

O Ministerio do Interior creará grupos específicos contra os delitos de odio dentro das unidades centrais e provinciais de Información da Policía Nacional e a Garda Civil e desenvolverá ferramentas para avaliar o risco das vítimas, un procedemento que xa se aplica nos casos de violencia machista.

Esta é unha das medidas aprobadas na Comisión de Seguimento do Plan de Acción de Loita contra os Delitos de Odio. Segundo informa o Ministerio do Interior nun comunicado este venres, o novo plan establecerá oito liñas de acción prioritarias e introducirá novas medidas complementarias ao primeiro plan aprobado en marzo de 2019, que estará vixente este ano e que xa dotaba de instrumentos as forzas e corpos de seguridade do Estado para combater os delitos e incidentes de odio, cun crecemento de recursos do 9 % anual desde 2014.

O segundo plan terá como eixo central "a asistencia e apoio ás vítimas con medidas que se concretarán nas próximas semanas", segundo destaca Interior, que avanza que se reforzarán tamén os mecanismos de coordinación entre as forzas e corpos de seguridade do Estado coas policías autonómicas e locais.

Para previr os delitos, o Goberno expón o desenvolvemento de ferramentas de avaliación de risco, un procedemento que xa se aplica no sistema VioGén de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero.

A Comisión aprobou tamén o aumento dos recursos persoais da Oficina Nacional de Loita contra os Delitos de Odio, creada en 2018.

Ademais, manteranse iniciativas xa incluídas no primeiro plan, cuxa avaliación resultou positiva, como o impulso da formación e sensibilización dos membros das forzas e corpo de seguridade na loita contra os delitos de odio.

Durante a súa intervención, o ministro Grande-Marlaska incidiu na importancia da colaboración con organizacións e institucións e apuntou a necesidade de traballar "especificamente" para atallar os delitos de odio motivados por antixitanismo, que sufriron un incremento superior ao 57 % en 2020.

Entrementres, o Partido Popular, que sumou á súa condena por estas agresións, continúa pedindo a dimisión do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, pola xestión dese caso concreto de Malasaña, unha xestión, din, politizada.

Noticias web

10/09/2021