CRTVG

Buscar

Sánchez e Ayuso tratarán nunha xuntanza o momento "crítico" que vive Madrid

Publicado o 17/09/2020 19:06

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, envioulle este xoves pola tarde unha carta á presidenta da Comunidade de Madrid Isabel Díaz Ayuso co obxecto de lle pedir unha reunión in situ para trataren o avance da pandemia na rexión e trasladoulle a súa disposición de desprazarse á sede do Executivo autonómico na Porta do Sol.

"Desexaría ter a oportunidade de estudarmos conxuntamente o modo de reforzar os esforzos e medios que poida achegar o Goberno a fin de superarmos canto antes os momentos críticos que atravesa a rexión en beneficio dos seus cidadáns", afirma na súa misiva.

A presidenta da Comunidad de Madrid celebrou que "por fin" o presidente do Goberno accedese a reunirse con ela para tratar a crise sanitaria do coronavirus.

"A Comunidade estivo demasiado tempo soa. Celebro que o presidente do Goberno acceda por fin a reunirse comigo", escribiu a dirixente madrileña en Twitter, despois de requirirlle a Sánchez unha cita varias veces por carta e de maneira directa nas videoconferencias de presidentes. 

Madrid prepárase para os confinamentos selectivos

As medidas introducidas o 7 de setembro non lograron conter a explosión de contaxios na Comunidade de Madrid. No Goberno rexional evitan falar de confinamentos e anuncian novas restricións que afectarán tamén á mobilidade. Mesmo propoñen reabrir o hospital de Ifema ante o risco de que non poidan absorber o aumento de casos nas UCI. Sanidade di apoiar tecnicamente todas as medidas que se tomen para frear a expansión do virus.

Cunha incidencia de 618 casos activos por 100.000 habitantes, Madrid convértese na zona cero da epidemia en Europa. Fóra de España, ningunha rexión supera os 350, segundo os datos do Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades.

Hai máis de medio cento de municipios con restricións e confinamentos. As urxencias están colapsadas nalgúns hospitais de Toledo. Na Rioxa, coas UCI ao 90 % xa pensan en novas medidas de contención. En Sanidade aseguran que segue habendo dispoñibilidade de camas cunha hospitalización de media en España que se mantén arredor do 8 por cento.

No tocante á posible redución da corentena, Sanidade confirma que se está traballando nesa liña tanto en España coma nos países europeos da contorna. Queda por definir a contía dos días exactos, que se calcula entre sete e dez xornadas.

Noticias web

17/09/2020