CRTVG

Buscar

Sánchez pide un goberno forte para romper o bloqueo

Publicado o 29/10/2019 08:54

Nunha entrevista a noite pasada en televisión, o presidente do Goberno en funcións dixo que o CNI está a investigar os vínculos políticos de Tsunami Demicrátic. Sánchez considera necesario un goberno forte para afrontar o desafío territorial e tamén o económico. E no día en que se van coñecer os últimos datos do CIS sobre intención de voto, o líder socialista apelou aos máis de dous millóns de indecisos que subliñan as enquisas.

"As persoas que estean pensando se ir ou non votar, que sexan conscientes de que o seu voto é importante. E o seu voto é importante non só para decidir quen gaña ou non as eleccións, senón para ter un horizonte de estabilidade no noso país. Levamos xa moitos anos dando contra o muro do bloqueo. E temos que romper entre todos ese muro. A única organización que ten un proxecto político, que ten equipo e que ten representación en todos os territorios é o PSOE. O resto ten un proxecto para as próximas dúas semanas, que é debilitar o PSOE, e iso pode ser bo para eles pero é lesivo para España", dixo nunha mensaxe aos indecisos, a só once días das eleccións. Sánchez defendeu a estratexia de moderación e temperanza en Cataluña, pero advertiu de que as condutas delictivas non quedarán impunes.

Ao Goberno da Generalitat mándalle unha mensaxe: "O que ten que facer é falar coa outa parte de Cataluña. En particular, aqueles cataláns que non comparten a axenda e o formulamento político do independentismo. As primeiras vítimas do independentismo son os cataláns".

En referencia á exhumación de Franco, Sánchez expresou que a España democrática non pode sustentarse no esquecemernto: "Hai que recordar que o noso país, despois de Camboxa, é o segundo país do mundo con máis foxas e máis desaparecidos, e o que temos que facer é garantir a cobertura pública para pechar feridas, e o que temos que facer é pechalas entre todos".

 

Noticias web

29/10/2019