CRTVG

Buscar

Sánchez pide ante Merkel superar "vetos" para acordar o fondo de reconstrución

Publicado o 14/07/2020 19:51

O próximo Consello Europeo exponse como unha "difícil negociacion" ante a que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, dixo este martes en Berlín que é necesario superar "vetos" e "intereses contrapostos" para alcanzar un acordo que afronte as consecuencias da pandemia.

"Son moi consciente de que hai por diante unha difícil negociación, hai intereses contrapostos e visións distintas do que ten que ser o proxecto europeo e ningunha é mellor que outra, todas son lexítimas", declarou Sánchez xunto á chanceler alemá, Angela Merkel, na segunda etapa da súa xira previa ao Consello Europeo.

"Pero a lección que temos que sacar destas décadas de construción europea é que a unión nunca se construíu en base a vetos, sempre en base a unha vontade de dialogar e de acordar", lembrou O presidente do Goberno advertiu de que se non hai acordo o venres e sábado próximos sobre o fondo de reconstrución dotado con 750.000 millóns de euros na proposta da Comisión Europea "vai agravar máis a crise e desde logo España vai facer todo o posible por chegar a un acordo con prontitude".

Para España, engadiu, a situación creada pola pandemia é algo inédito "desde a Guerra Civil", facéndose eco das palabras de Merkel, quen dixo en Berlín hai unhas semanas que para o seu país é o maior reto ao que se enfrontou desde a II Guerra Mundial.

Ás dificultades que persisten no camiño a un acordo a próxima fin de semana referiuse a propia Merkel, quen advertiu ante Sánchez que persisten "notables diferenzas" entre os socios da UE respecto ao fondo de recuperación tras a pandemia, pero tamén "coincidencia" na necesidade de superar os estragos causados por esta.

Noticias web

14/07/2020