CRTVG

Buscar

Ayuso recorre na Audiencia Nacional contra a orde de Sanidade

Publicado o 02/10/2020 08:18

A Comunidade de Madrid vai presentar nas próximas horas un recurso ante a Audiencia Nacional contra a orde do Ministerio de Sanidade que obriga a novas restricións en Madrid e nove concellos da rexión a partir desta medianoite. O recurso tamén incluirá a petición de medidas cautelares para frear esa orde. A decisión da presidenta Ayuso de acudir aos tribunais evidenciou o distanciamento co seu socio de Goberno. O vicepresidente Ignacio Aguado, de Ciudadanos, mostrouse contrario a acudir á vía xudicial para solucionar as diferenzas co Goberno central. 

Des que se publicou a orde ministerial no BOE, á primeira hora de onte, a presidenta madrileña, Díaz Ayuso, tardaba pouco máis de dúas horas en anunciar que recorrería contra ela.

Isabel Díaz Ayuso. Presidenta da Comunidade de Madrid: "Este Goberno non está en rebeldía e vai cumprir todas as ordes de xeito estrito porque non somos coma os seus socios independentistas. Pero, iso si, iremos aos tribunais como fixemos co paso de fase".

Tras este anuncio na Asemblea de Madrid, o vicepresidente do seu Goberno, Ignacio Aguado, de Ciudadanos, publicaba un chío en que pedía colaborar máis e pelexar menos en conferencias de prensa ou nos tribunais para salvar vidas. Nunha entrevista televisiva á noite, Aguado volvía desmarcarse da decisión da presidenta de recorrer na Audiencia Nacional contra as medidas impostas polo Ministerio de Sanidade.

Ignacio Aguado, vicepresidente da Comunidade de Madrid: "Non creo que o mellor lugar para buscar solucións a este drama sexan os tribunais, prefiro sentarme nunha mesa a falar. As sentenzas poden tardar semanas e non temos semanas. A división causa mortes. A unidade salva vidas".

Desde Bruxelas, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, pedía deixar loitas partidistas.

Pedro Sánchez. Presidente do Goberno: "A pandemia ten que afastarse do debate partidista. Que todos os gobernos, europeos, autonómicos ou municipais, só temos un inimigo, a covid−19. E temos que arrimar o ombreiro, apoiarnos na ciencia e nos criterios técnicos".

Máis de cinco millóns de persoas están pendentes de cando entrarán en vigor as restricións en dez municipios da comunidade madrileña, entre eles a capital. Segundo Sanidade, é de obrigado cumprimento que a partir de mañá todas as comunidades teñan adaptada na súa lexislación á orde que obriga a pechar as grandes cidades cunha alta incidencia da covid−19.

 

Noticias web

02/10/2020