CRTVG

Buscar

Sánchez non se reunirá con Iglesias ata a segunda semana de setembro

Publicado o 30/08/2019 09:30

O primeiro pleno do Congreso tras as vacacións do verán puxo en evidencia a distancia crecente entre PSOE e Unidas Podemos. Iglesias asegura que se Sánchez mantén a oferta de xullo o acordo sería cuestión de horas. Pero os socialistas resístense a formar unha coalición e apelan ás medidas programáticas que presentarán a semana que vén. Sánchez non se reunirá con Iglesias ata a segunda semana de setembro.

PSOE e Unidas Podemos presentáronse no pleno coas pontes aparentemente rotas. Pola mañá Iglesias pedíalles aos socialistas que retomasen as negociacións no punto onde quedaran en xullo.

"Se é así, creo que o acordo será cuestión de horas", afirmaba o líder da formación morada. 

E Sánchez, sen mencionar a Podemos, apelou a un acordo sobre o programa: "Sobre a base das 300 medidas que presentará a semana que vén, e que recollen propostas de organizacions civís e sociais e do propio programa de Podemos. Estou moi esperanzado porque é un programa progresista e transformador", declaraba o secretario xeral do PSOE.

Tanto o partido no goberno como o seu socio preferente recibían os reproches da Esquerra Republicana pola falta de acordo.

"Se imos a eleccións a esquerda vai palmar", advertiu Gabriel Rufián. 

E o PNV amosaba a súa sorpresa pola falta de negociacións.

Desde o PP din que todo semella unha comedia de enredo e cren que Sánchez quere eleccións e está xa en campaña electoral.

Noticias web

30/08/2019