CRTVG

Buscar

Sánchez non aclara cando chamará os partidos para negociar a investidura

Publicado o 26/08/2019 19:55

Pedro Sánchez mantén os contactos con colectivos sociais para artellar un programa de goberno. Este luns reuniuse con asociacións de memoria histórica e científicas. Pero case catro meses despois das eleccións xerais non mostra présa por retomar as conversas cos partidos. A ministra de Xustiza di que Podemos segue sendo o socio preferente, pero non para gobernar en coalición.

"A disxuntiva non é goberno de coalición ou eleccións. Hai outras opcións e teñen que estar arredor das políticas, dos acordos programáticos", dixo a ministra de Xustiza en funcións.

Podemos insiste en que só a coalición xerará estabilidade e aprema os socialistas a reiniciar a negociación onde a deixaron.

"Creo que é o que Pedro Sánchez non acaba de entender, pero que o resto dos seus baróns nas comunidades autónomas si. Esperamos que no último momento Pedro Sánchez colla o teléfono, chame e comecemos a traballar neste sentido. Porque, insisto, é onde o deixamos en xullo", dixo a voceira de Unidas Podemos.

As negociacións con vistas a lograr a investidura non comezarían antes da próxima semana. Só quedarían vinte días para chegar a un acordo.

Noticias web

26/08/2019