CRTVG

Buscar

Sánchez muda de día as reunións do Consello e pídelles "unidade" aos seus ministros

Publicado o 14/01/2020 12:01

• Máis poder para o xefe de Gabinete, ao que lle dan o mando da comunicación

Sánchez muda de día as reunións do Consello e pídelles "unidade" aos seus ministros

O xefe do Goberno, Pedro Sánchez, comunicou este martes ao seu gabinete que as reunións ordinarias de Consello de Ministros "se establecerán ao comezo de semana e non ao final para anticipar e programar os acontecementos".

Nunha carta dirixida aos ministros do novo Goberno de coalición, Sánchez emprazou ao seu novo gabinete a ser "proactivo, resolutivo e executivo" e trasladou aos seus ministros a necesidade de incorporar métodos de organización que permitan "anticiparse" aos acontecementos e responder os problemas con "présa e eficacia".

Ante o primeiro Goberno de coalición da historia recente, Sánchez subliñou o "propósito firme de unidade". Un Goberno, en definitiva, "que terá unha soa meta; que falará con varias voces pero para emitir o mesmo mensaxe", dixo.

Na carta trasladada ao gabinete o día do primeiro Consello de Ministros, Sánchez tamén informou de que as comisións de subsecretarios, que preside o vicepresidente primeiro e ata o de agora celebrábanse os mércores, terán lugar os xoves "para preparar as deliberacións e acordos do consello seguinte".

Sánchez deixou claro que o Goberno de coalición "quere ir máis aló" dos partidos que o integran e daqueloutros que o sosteñen e "busca unha amplísima maioría progresista da sociedade española que quere sacudirse o pesimismo e desexa ver o país avanzar".

Para o presidente, o espírito "activo, executivo e resolutivo" que quere para o novo Goberno "non está nin moito menos rifado coa actitude dialogante que deberá despregar constantemente".
O xefe do Executivo mostrouse convencido de que os españois queren avanzar "na concordia" tras episodios "demasiados frecuentes de crispación estéril", e un "longo período de choques e desencontros".

Nesa tesitura, Sánchez considerou que tras un tempo de "tensión e estridencia" toca demostrar que a política "non é sinónimo de balbordo ou discordia".

E que existe unha política "útil e proveitosa", capaz de resolver os problemas da xente e que ofrece "dialogar sobre as diferenzas e acordar".

Nesa "tarefa apaixonante", Sánchez precisou as cinco grandes transformacións que ten España.
A primeira, dixo, "robustecer a economía adaptándoa á revolución científica e tecnolóxica e xerando emprego de calidade".

Para Sánchez, o segundo propósito é propiciar a cohesión territorial en base ao entendemento e ao equilibrio; e o terceiro, promover a xustiza social e amparar aos compatriotas dotados de menos recursos.

En cuarto lugar e quinto lugar, o presidente situou a emerxencia climática e transición ecolóxica e a plena igualdade real da muller e de todas as persoas que sofren calquera tipo de discriminación na súa vida.

En definitiva, Sánchez afirmou que o goberno de coalición do PSOE e Unidas Podemos nace con "vocación de servir os españois, porque non hai nada máis progresista que unir o país".

Máis poder para o xefe de Gabinete, ao que lle dan o mando da comunicación

O primeiro Consello de Ministros do novo Goberno aprobou este martes o nomeamento de Iván Redondo como director do Gabinete da Presidencia que, ademais de secretario do Consello de Seguridade Nacional, ampliará as súas funcións asumindo baixo o seu mando a Secretaría de Estado de Comunicación.

Segundo informou Moncloa, Redondo concentrará dentro do Gabinete de Presidencia todos os departamentos de asistencia a Pedro Sánchez como asuntos nacionais, institucionais, internacionais, comunicación cos cidadáns, secretaría xeral de Presidencia, Oficina Económica do Presidente, o Departamento de Seguridade Nacional (DSN) ou as diferentes unidades de análises.

Ademais, a Secretaría de Estado de Comunicación, dirixida actualmente por Miguel Ángel Oliver, incorporarase formalmente ao Gabinete da Presidencia do Goberno, baixo a súa dirección.

Xunto a iso, Pedro Sánchez encargou ao seu xefe de Gabinete a creación da primeira Oficina Nacional de Prospectiva e Estratexia de País a longo prazo.

Para Moncloa, con esta oficina de Foresight Unit, España súmase a un "selecto grupo de países e organismos internacionais pioneiros" que xa contan con unidades similares, como O Canadá, os EUA, Francia, Finlandia, o Reino Unido, a Comisión Europea ou a OCDE.

A Oficina encargarase de "pensar estruturalmente na España dos próximos 30 anos", asegura o Executivo.

"Trátase de achegar unha mirada transversal, con metodoloxía e a longo prazo, que contará cun Comité de expertos da sociedade civil e que elaborará unha Estratexia Nacional", destaca o Executivo, que remarca que non se trata de "adiviñar o futuro", senón de identificar os posibles retos e oportunidades que España terá que afrontar no medio e longo prazo.

A xuízo de Moncloa, un dos grandes defectos da democracia é o "curtopracismo", o que provoca que na "frenética cotidaneidade" dos gobernos, "o urxente a miúdo eclipsa ao importante".

"Isto xera, á súa vez, outros problemas –falta de pensamento estratéxico, de resposta á demanda da sociedade, obsolescencia lexislativa, oportunidades non aproveitadas ou escasa anticipación- que están na base de fenómenos como o Cambio Climático, o baleirado rural ou a perda de relevancia económica para unha nación", remarca.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí