CRTVG

Buscar

Sánchez logra a cuarta prórroga do estado de alarma, pero reduce os apoios

Publicado o 06/05/2020 18:15

• Os acordos co PNV e Cs permiten contrarrestar o non de ERC | PP, Bildu e BNG abstivéronse | Toda a oposición demanda alternativas e Casado confirma que rexeitará novas prórrogas | Sánchez pide "unhas semanas máis" para manter a alarma e decretará loito oficial na fase 1 de desescalada

O Goberno de Pedro Sánchez prorrogará por cuarta vez o estado de alarma para conter a pandemia do coronavirus, pero farao co menor apoio político desde que o decretou o pasado 14 de marzo. Grazas especialmente ao voto a favor de Cs e do PNV, o Executivo logrou este mércores, no pleno do Congreso, 178 sis á ampliación do estado de alarma quince días máis, en tanto que os nons ascenderon a 75, debido á negativa de ERC, e as abstencións, a 97, pois esta foi a decisión do PP.

O Goberno recibiu críticas de toda a oposición, que lle pediu alternativas nun debate no que se puxo de manifesto unha distancia cada vez maior entre o Executivo e o PP. O estado de alarma manteranse ata o próximo 24 de maio as restricións á mobilidade e á actividade económica, aínda que a partir de agora o Goberno comprometeuse a dar un maior protagonismo ás autonomías e tamén terá que render contas ante as forzas políticas que lle apoiarán este mércores.

A desescalada será en cogobernanza coas comunidades autónomas e tomaranse medidas consensuadas, dixo Sánchez nun hemiciclo no que escoitou críticas a súa xestión de todas as forzas da oposición, mesmo das que apoiarán a prórroga, e advertencias para que prepare un plan B de xestión desta crise que xa provocou preto de 26.000 vítimas mortais. 

Por todas elas, decretarase loito oficial unha vez o país entre na fase 1 da desescalada e celebrarase un acto de homenaxe que xa se está preparando, anunciou Sánchez. O presidente pediu "unhas semanas máis", sen especificar cantas, para manter a alarma, argumentando que sería imperdoable revogar as limitacións de circulación e comprometer as axudas en favor de autónomos, pemes e familias.

Sánchez, avanzou que terán que ver cales son os datos da epidemia pero falou dunha "vitoria parcial" que xa foi acadada grazas "ao esforzo de todos". Haberá unha segunda vitoria cando culmine a escalada. A vitoria será total, segundo Sánchez, cando chegue a vacina. Sánchez negou un "estado de alarma perpetuo". "Non forma parte do proxecto deste Goberno, forma parte dunha necesidade".

"A decisión de pedir unha nova prórroga baséase na ciencia", di Sánchez. "Os que votan non á prórroga baséanse na política partidista", avanzou o presidente do Goberno. Precisamos dúas semanas para saber cal é o resultado das medidas propostas, indica Sánchez. 

O presidente do Goberno anunciou que España declarará loito oficial cando a maior parte do país estea na fase 1 do plan de desescalada.

Pedro Sánchez iniciou a súa intervención na sesión parlamentaria que votaba unha nova prorrogación do estado de alarma explicando que será entón cando se realice unha homenaxe pública ás vítimas da pandemia de coronavirus.

Tras gardar un minuto de silencio, a sesión comezou coa intervención do presidente, que pedirá o apoio dos deputados e deputadas para prolongar durante 15 días máis o estado de alarma. "Ninguén acerta nunha situación inédita e tan complexa como esta, nin o Goberno nin a oposición", dixo. Sánchez insiste en que "non hai acertos absolutos pero si erros absolutos", e asegurou que "levantar o estado de alarma agora sería un erro absoluto".

O presidente di que a situación "cambiou radicalmente" e que España entrou xa nunha etapa "de transición cara a esa nova normalidade" coa baixada da incidencia dos contaxios. "A enfermidade está sendo controlada", dixo.

"O estado de alarma funcionou", insistiu, polo que considera necesario manter esa situación para a desescalada. "Seguirá habendo restricións e necesitan, para funcionar, o estado de alarma". 

"O que hai que votar é se descendemos gradualmente ou se rompemos filas", dixo o presidente, "se impera a unidade ou o sálvese quen poida".

Avanzou que as comunidades autónomas terán un "papel protagonista" na desescalada, para o que haberá unha cogobernanza da mesma. Nese sentido, explicou que os gobernos autonómicos terán que remitirlle ao Ministerio de Sanidade as súas propostas para os cambios de fase de provincias ou territorios. E apuntou que foron aceptadas "o 83 % das propostas das comunidades autónomas para as distintas fases do plan de desescalada".

Abstención do PP

O líder da oposición, Pablo Casado, apuntou á abstención do PP na votación. Dixo que "mantemos o compromiso de non votar en contra" da prorrogación do estado de alarma. Pablo Casado dixo que "existen varios instrumentos legais moito máis precisos para xestionar o mando único", e engadiu que "o que non se pode é manter a arbitrariedade do Goberno con poderes excepcionais".

Casado dixo que "a lealdade do PP non é co seu Goberno, senón cos españois, por iso non imos apoiar o estado de alarma".

A resposta do líder do PP, Pablo Casado, comezou cunha cita a Huxley: "Os feitos non deixan de existir aínda que se ignoren", dixo, e acusou o presidente de pretender trazar un relato á marxe da realidade. "Faino mentindo sobre as causas da grave afectación do coronavirus". As explicacións do Goberno, dixo Casado, "son máis propias dun curandeiro ca dun comité científico".

O líder da oposición censurou a "imprevisión dolosa" do Goberno ante a pandemia e acusouno dun "estrepitoso fracaso da xestión" da crise. "Todos os partidos, organizacións empresariais e sindicatos enterámonos pola televisión do sudoku que chamaron plan de desescalada".

Na súa resposta, Pedro Sánchez reprochoulle que "partidos políticos que aspiran a gobernar España e que nunha situación como esta abstéñense é como se votaran que non".

"A prudencia, a cautela é a mellor guía para os españois" na desescalada, dixo Sánchez que, ante os reproches de Casado por non dialogar coa oposición, contestoulle: "Por moito que falemos vostede e máis eu, non parece que nos entendamos". "A vostede dalle medo o acordo porque cre que con el axuda o Goberno", apuntou.

Casado retrucoulle: "Puro cinismo e impostura", dixo da intervención de Sánchez, ao que ve cada vez "máis só neste hemiciclo e na sociedade". Avanzou que "será a última votación que non vai ser negativa" e esixiu que "permita que os cidadáns rompan filas, somos cidadáns, non soldados" Rematou dicindo que "afortunadamente isto non lle sairá gratis".

"Cada vez está más só neste hemiciclo e na socieadde. Será a última votación que non vai ser negativa. Permita que os cidadáns rompan filas, somos cidadáns, non soldados. Afortunadamente, isto non lle sairá gratis".

Vox non descarta moción de censura

Pola súa banda, o voceiro de Vox, Santiago Abascal, dixo que non descarta presentar unha moción de censura, "aínda que só sexa para que os españois saiban con nomes e apelidos quen son os deputados que queren o mantemento e a continuidade deste Goberno ruinoso que está abusando do poder", dixo. Abascal tamén anunciou que o seu grupo vai convocar manifestacións para pedir a dimisión do Goberno.

En resposta, Pedro Sánchez dixo que "España está a unha cousa e Abascal está a outra". 

"Veu vostede facer oposición a outros Gobernos de Europa", dixo o líder da formación ultradereitista que acusou a Pedro Sánchez de "utilizar o Estado de alarma como instrumento dun goberno comunista totalitario".

Jaume Asens, presidente do grupo parlamentario de Unidas Podemos, pediulles aos partidos que non apoian a prórroga "un pouco de decencia" e "que deixen de instrumentalizar os mortos e a dor allea", ben sexan os seus oxectivos "a independencia de Cataluña ou a caída do Goberno".

ERC di que hai alternativa ao estado de alarma

O voceiro de ERC, Gabriel Rufián, dixo na tribuna que "hoxe non votamos unha prorrogación do estado de alarma, hoxe votamos en contra da súa prórrogación". Rufián insistiu en que "hai alternativa á recentralización, á militarización e á regresión de dereitos civís na xestión da crise. E é dramático que só nós o digamos". Na súa resposta, o presidente lembroulle a Rufián que "hai menos dun mes dicía que ou parábamos o país ou non habería país que levantar". Tamén amosou a súa disposición a negociar unidades territoriais distintas da provincia na desescalada, "por iso dixemos que a desescalada sería asimétrica, gradual, coordinada e adaptable.

Rufián afeoulle ao Goberno que pactar con Cs e advertiu do perigo do "virus electoral" que, dixo, vén.

A voceira de JxC, Laura Borràs, confirmou o voto negativo da súa formación e reprochoulle ao Goberno que recorrera ao "plan C, con C de Ciudadanos" para salvar a votación no Congreso. 

Desde Más País, Íñigo Errejón confirmou o si dos dous deputados da súa formación á estensión do estado de alarma. "Esta é unha crise sen precedentes pero tamén unha oportunidade para reconstruír o país", dixo.

En nome de Compromís, Joan Balldoví confirmou o seu voto a favor "a pesar de que este Goberno negociou moi pouco e tarde cos partidos que axudamos a constituílo".

O Bloque critica a recentralización

O voceiro do BNG, Néstor Rego, asegurou que "mantemos unha actitude de responsabildiade política" e aconfirmou que se absterá na votación. Rego censurou a recentralización da xestión da crise "por ser negativa para a eficacia práctica da xestión da pandemia".

O deputado nacionalista pediu que o ámbito de decisión da fase de desconfinamento "sexa Galicia, a partir dos criterios xerais que puidera marcar o Goberno español no seu papel de coordinación". Rego lembrou que Galicia ten máis da metade dos núcleos de poboación do Estado. "Moitos concellos que superan amplamente os 5.000 habitantes non posúen ningún núcleo de poboación que se aproxime a esa cantidade", explicou. Engadiu, ademais, que as provincias non responden "a ningunha realidade social definida".

Ademais, chamou a atención sobre que "fronte a un Goberno de partidos que se din autonomistas e mesmo federalistas e se empeñan en centralizar", as forzas soberanistas os "as que non están a favor do modelo autonómico, as que defenden as competencias autonómicas".

"No noso caso non estamos defendendo os xestores, senón as institucións nacionais do noso país, Galicia", concluíu.

Pedro Sánchez lembroulle a Rego que o propio decreto para a desescalada recolle a posibilidade de abordar a desescalada en territorios diferentes da provincia. Ademais defendeu que o Goberno está abrindo un camiño de maior cooperación coas comunidades autónomas "e podemos facelo mellor", dixo, pero negouse a renunciar á competencia do Goberno para as restricións de mobilidade.

Acordo de Cs

A líder de Cs, Inés Arrimadas, explicou os motivos do voto a favor do seu grupo. "Conseguimos que o Goberno se prepare para desvincular os ERTE e as axudas do estado de alarma", dixo, e engadiu que na negociación tamén obtivo o compromiso do Executivo de contactar semanalmente coa oposición para consensuar medidas dun "plan B" posterior ao estado de alarma. "Temos a obriga de denunciar erros do Gobenro pero tamén temos a obriga de ser útiles aos españois".

"Señor Sánchez, vostede precisa dun plan B para cando decaia o estado de alarma", indicoulle Arrimadas ao presidente do Goberno". "Imos ter unha situación económica dramática", engadiu. "Aquí vai haber 10 escaños pero non para salvarlles a vostedes, senón para salvar aos españois".

Cogobernanza no acordo co PNV

Desde o PNV, Aitor Esteban, dixo que "non se pode manter unha situación de excepcionalidade nalgo permanente pero vistas as circunstancias intentamos dar unha saída e sermos construtivos". "Creo que o Goberno comprendeuno finalmente e quero pensar que vai ir en cogobernanza, codecisión", explicou, para engadir ´que "é necesario levar as cousas da man deixando que esa rixidez inicial poida ser modificada por parte das comunidades autónomas adaptándose á realidade". O PNV sumouse este mércores aos apoios para sacar adiante a prorrogación  do estado de alarma. 

Aitor Esteban, voceiro do PNV, di que poderá haber situacións duras nalgúns lugares e anima a pensar en como pode ser o seguinte paso.

Abstención de EH Bildu

A voceira de EH Bildu, Mertxe Aizpurúa, anunciou a abstención do seu grupo "para non engadir zozobra á poboación", a pesar de que "no medio da peor crise a clase política está fallando". Aizpurúa dixo que "somos moi críticos coa xestión do estado e alarma e a recentralización, pero non imos poñer en risco ás persoas".