CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez lamenta "profundamente" a morte do preso etarra Igor González

Publicado o 09/09/2020 11:00
Pedro Sánchez lamenta "profundamente" a morte do preso etarra Igor González

O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, defendeu o protocolo antisuicidios que se aplica de forma "efectiva" nas prisións españolas, aínda que garantiu a EH Bildu que, como se fai noutras ocasións, vai analizalo "para melloralo", tras a morte do etarra Igor González.

Na sesión de control no Congreso, Grande-Marlaska respondeu a unha pregunta da deputada de EH Bildu, Mertxe Aizpurua, remitíndose aos datos que xa ofreceu onte no Senado o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, quen lamentou profundamente a morte no cárcere de Martutene de Igor González. 

O ministro comentou que non pode dar detalles deste "suceso" debido á Lei de Protección de Datos, pero subliñou que Institucións Penais aplica tratamentos individualizados e baixo criterios técnicos e xurídicos. Nesta forma de actuación enmarcou o protocolo antisuicidios nas prisións que ofrece un índice de 5,96 por cada 10.000 internos, "inferior ao 7,2 por cento do conxunto dos países do Consello de Europa". 

Sobre a morte de Igor González, engadiu: "Este suceso será evidentemente analizado, avaliado, para mellorar na prevención e tratamento dos suicidios nas prisións".

A deputada de EH  Bildu pediu a fin da "política de excepción cos presos vascos", en referencia aos condenados por pertenza á organización terrorista ETA, e sostivo que a de Igor González foi "unha morte evitable" que non pode volver suceder.