CRTVG

Buscar

Sánchez e Batet reuniranse o próximo 2 de xullo para fixar a data de investidura

Publicado o 26/06/2019 17:00

Pedro Sánchez, reunirase o martes 2 de xullo coa presidenta do Congreso, Meritxell Batet, para fixar unha data para o debate de investidura, informaron fontes socialistas.

"O candidato socialista presentarase ao debate de investidura para que España teña un goberno progresista, europeísta e moderado. O noso país necesita avanzar e Pedro Sánchez quere liderar ese proxecto con sentido de Estado", segundo sinalan estas fontes.

O encontro con Batet producirase á volta da viaxe de Sánchez a Xapón para participar no Cumio do G-20, que ten lugar esta fin de semana na cidade de Osaka.

Sánchez irá á investidura con ou sen o apoio de Iglesias

Pedro Sánchez irá á investidura en xullo con ou sen o apoio de Pablo Iglesias. Tras a xuntanza que mantiveron onte á tarde na Moncloa, o líder de Podemos ameazou con votar en contra se os socialistas non aceptan un goberno de coalición con ministros de Podemos. Sánchez vaise reunir o vindeiro martes coa presidenta do Congreso para fixar a data do pleno de investidura.

A cuarta reunión entre o presidente do Goberno en funcións e o líder de Podemos, esta sen cámaras, revelou o bloqueo das negociacións. Segundo transcendeu, Pedro Sánchez reiteroulle a Iglesias a oferta dun goberno de cooperación, con cargos intermedios, coa novidade de facer unha comisión de seguimento do posible acordo de gobernabilidade. Pero Iglesias insiste, segundo fontes socialistas, en esixir un goberno de coalición, é dicir, con ministerios para Podemos, e advertiulle a Sánchez que votaría en contra da súa investidura se non é así.

Desde Unidas Podemos din que non teñen claro se o PSOE quere pactar con eles ou prefire facelo con PP e Ciudadanos. E pídenlle a Sánchez que diga claramente se aposta por un goberno estable e de esquerdas.

Sen fixar aínda data concreta, Pedro Sánchez asegura que está disposto a ir á investidura con ou sen o apoio de Podemos. O voto negativo destes conduciría a unha investidura frustrada, salvo que se absteñan PP e Ciudadanos. Carmen Calvo volveulles pedir a Casado e Rivera que faciliten a investidura de Sánchez e que non sexan un obstáculo para o país.

Casado xa lle reiterou a Sánchez o luns, por segunda vez, que non vai absterse para facilitar a súa investidura.

Así, en xullo, posiblemente a segunda ou terceira semana, empezaría a conta atrás e, se en dous meses non hai novo goberno, habería unha nova convocatoria electoral.






 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/06/2019