CRTVG

Buscar

Sánchez insta ás grandes distribuidoras a facer autocrítica sobre a caída de prezos na agricultura

Publicado o 05/02/2020 18:50


O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, pediu este mércores ás grandes superficies de distribución que fagan "exame" e "autocrítica" pola caída de prezos na agricultura, á vez que advertiu da necesidade de introducir maior transparencia na cadea. "É evidente que as grandes distribuidoras teñen que facer un exame, unha autocrítica e temos que introducir moitísima máis transparencia para defender ao pequeno e mediano agricultor e gandeiro", declarou Sánchez á prensa en Bruxelas, onde viaxou para manter unha reunión co presidente do Consello europeo, Charles Michel, sobre os futuros presupostos da UE.

Sánchez considerou "absolutamente inaceptable" que o sector estea a ver como os prezos dos produtos agrícolas "baixan, baixan e baixan", dixo, tras apuntar a preocupación do Goberno pola situación na formación de prezos. Sánchez atópase en Bruxelas como parte dos contactos para negociar os futuros presupostos da UE para o período 2021-2027, nos que España quere que se fixen partidas "fortes" para os fondos de Cohesión e para a Política Agraria Común.

Preguntado por se cre que os fondos europeos poden servir para acougar aos agricultores e gandeiros que se están manifestando en España para denunciar a crise no sector, o presidente do Goberno incidiu no papel das grandes superficies na formación de prezos. Tamén apuntou como armas para apoiar ao sector os recursos da PAC e a necesidade de que a Comisión Europea faga valer o "peso" do mercado único fronte ao prexuízo que poidan provocar decisións doutras "superpotencias" na súa política comercial, como os aranceis de Estados Unidos a producións europeas.

As protestas en Madrid

As moblizacións dos agricultores chegaron ao centro da capital de España. Varios centos de manifestantes fixeron oir as súas demandas diante do ministerio. Din que están ao a límite e non poden seguir producindo a perdas. Jesús Anchuelo. Unión de Pequenos Agricultores: "Nós cremos que co que está pagando agora mesmo o consumidor é de sobra para que todos poidamos vivir rentablemente do noso traballo". Francisco José García Navarrete. ASAJA: "Que nos fixen uns prezos mínimos para que polo menos cubramos custes,que non podemos estar perdendo no agro"

Á protesta acudiu a cúpula de Vox. Foi unha presenza controvertida que recibiu a aprobación dalgúns agricultores e o rexeitamento doutros.

O ministro de agricultura comezou este mércores as reunións coas principais marcas de hipermercados.

Noticias web

05/02/2020