CRTVG

Buscar

Sánchez impulsa a Illa en Cataluña e o candidato di que quere representar a todos "sen desquites" nin reproches

Publicado o 23/01/2021 15:09

Salvador Illa foi o centro dos focos no Comité Federal do PSOE, que se celebrou en Barcelona combinando a vía telemática. Certo que Pedro Sánchez dedicou a maior parte do discurso a debullar o marco político do 40 congreso do partido, que se celebrará en outubro. Pero as súas palabras máis emotivas foron para Illa, despois de sinalar que os cambios de data dos comicios cataláns non impedirán a "chegada dun tempo novo".


 "Direivos, ao meu xuízo, cal é o factor Illa. É unha combinación de enorme sentido común, de traballo duro, de intelixencia fina e de moita bondade. É un home sensato, traballador, intelixente e, sobre todo, é un home bo", foron as palabras literais de Sánchez.

O propio Illa sinalou que en poucos días se consagrará á campaña "ao 101%". Falou de ser o candidato dunha Cataluña inclusiva, que quere seguir avanzando unida e con ambición económica, despois do que definiu como "unha década perdida" polo procès: "Habemos dicir alto é claro que xa está ben, xa vale. Queremos pasar páxina, queremos a Cataluña de volta, a toda Cataluña, non a uns contra outros, senón a todos e a todas arrimando o ombreiro, e nós dispostos a servila con humildade e con traballo".

Salvador Illa anunciou que presentará en breve unha lista de profesionais dos ámbitos económico, sanitario e social que, coma el, cren nun "nós tan grande coma Cataluña".

Noticias web

23/01/2021