CRTVG

Buscar

Sánchez: "Iglesias non pode estar no Consello de Ministros, é o principal escollo para o acordo"

Publicado o 18/07/2019 19:16

Segundo fontes socialistas, Sánchez dixo na reunión que Iglesias lle esixiu unha vicepresidencia social, outros dous ministerios e as competencias de comunicación do goberno. Despois, nunha entrevista en televisión, o presidente do Goberno en funcións, non entrou xa neses detalles pero acusou o líder de Podemos de pensar só nos cargos e dixo que non se dan as circunstancias para que entre nun Executivo. É máis, asegura que el necesita un vicepresidente que defenda España. En cambio, explicou que a oferta de incorporar membros de Podemos cun perfil técnico segue vixente ata a próxima semana. Hai pesimismo no PSOE de cara a investidura pero non se renden. Elaboraron un novo documento con propostas para as forzas progresistas e porfían tamén na abstención do PP.

O PSOE deixou claro hoxe, por varias vías, que o principal escollo para que haxa un acordo con Podemos é a participación de Iglesias no goberno, que non aceptan. Segundo fontes socialistas, a porta pechada na Executiva, Sánchez detallou as peticións do líder de Podemos para pactar,: unha vicepresidencia social, dous ministerios e as competencias de comunicación. O secretario de organización evitou confirmalo en rolda de prensa, pero lanzaba esta mensaxe a Podemos.

Pero non tiran a toalla e para achegar posturas elaboraron un novo documento con propostas máis detalladas e aberto a todas as forzas progresistas. E tampouco desisten de intentar convencer o PP para que se absteña.

Confirmou que Sánchez volverá chamar os líderes dos principais partidos antes do luns.

Finaliza a consulta de Podemos

Mentres tanto, Podemos pechou esta mañá a consulta entre as súas bases para decidir qué votan na sesión de investidura de Pedro Sánchez. Polo momento, o partido aínda non deu a coñecer os resultados dunha convocatoria que fixo que o PSOE dese por rotas as negociacións. Os militantes podían escoller entre un goberno de coalición ou permitir un goberno en solitario dos socialistas. Aínda así, a postura da cúpula é clara: queren entrar no executivo, con presenza no Consello de Ministros. Podemos dille ao PSOE que aínda hai tempo para rectificar e negociar un acordo entre os dous partidos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/07/2019