CRTVG

Buscar

Sánchez garante que en xuño haberá vacinación masiva dos menores de 50 anos

Publicado o 17/05/2021 12:22

O presidente do Goberno di que o sistema sanitario está preparado para aumentar o ritmo de vacinación nas próximas semanas. Pedro Sánchez garantiu este luns que no mes de xuño haberá en España unha vacinación masiva contra o coronavirus dos menores de 50 anos.

Na inauguración do IV Congreso Iberoamericano para líderes de compañías e familias empresarias, Sánchez referiuse ao proceso de vacinación, e sinalou que faltan 93 días para lograr a inmunidade de grupo. Asegurou que os datos de redución dos contaxios son moi elocuentes e tamén a caída da incidencia acumulada, cun descenso dun 18,4 por cento, caendo máis de 35 puntos nunha semana, segundo os últimos datos do venres.

Ademais falou do rirmo de vacinación, do que dixo que se suma récord tras récord, e a semana pasada administráronse case tres millóns en sete días e case 612.000 doses nun só día. Con todo, Sánchez afirmou que o sistema de saúde está preparado para superar este ritmo nas próximas semanas. E por iso, dixo, pódese garantir que en xuño comezará unha vacinación masiva dos menores de 50 anos.

Ao mesmo tempo, Sánchez destacou a transcendencia do certificado verde dixital e informou de que os primeiros resultados da proba do seu funcionamento están a ser moi positivos. O obxectivo é operar con este certificado antes de que conclúa o mes de xuño, o que considerou que vai ser unha extraordinaria noticia para o turismo. 

Noticias web

17/05/2021