CRTVG

Buscar

Sánchez garante que cumprirá os compromisos coa Generalitat

Publicado o 07/02/2020 19:37

Un encontro coa alcaldesa de Barcelona e outro co presidente da patronal catalá poñen fin aos dous días de visita oficial de Pedro Sánchez a Cataluña. O xefe do executivo mantivo contactos cos principais axentes sociais e económicos da comunidade, e puxo fin a case 13 anos de ausencia dun presidente español no Palau da Generalitat.

Pedro Sánchez cre que estes dous días en Cataluña supoñen un punto e á parte despois dunha década de desencontros. O presidente garante que os 44 compromisos en competencias, investimentos e políticas sociais que onte lle ofreceu a Quim Torra non quedarán no papel: “queremos ser resolutivos, queremos ser executivos, queremos comunicar cos feitos. Esa axenda para o reencontro é posible”.

Sánchez dixo onte que na mesa de diálogo non haberá mediador. Pero Torra escudouse hoxe nunha moción do 'Parlament' para reclamalo: “que neste proceso de negociación con España haxa tamén a figura do mediador, que é reclamado pola maioría absoluta da cámara e, por tanto, de obrigado cumprimento por nós”.

Entre os máis satisfeitos coa reconstrución das pontes estaban hoxe Esquerra e a alcaldesa de Barcelona.

Gabriel Rufián, voceiro de ERC no Congreso, asegurou que “Esquerra Republicana puxo a favor da resolución dun conflito político enorme a súa forza na investidura e sentímonos moi orgullosos dese encontro”

Ada Colau, alcaldesa de Barcelona, garantiulle ao presidente que “ides ter en Barcelona a principal aliada para esa nova etapa de diálogo”

Ada Colau e Pedro Sánchez asinaron a recuperación do convenio de capitalidade cultural e científica de Barcelona, un paquete de investimentos creado en tempos de Zapatero e que levaba 10 anos sen renovarse.

Noticias web

07/02/2020