CRTVG

Buscar

Sánchez forma un goberno paritario con máis mulleres en postos clave

Publicado o 06/06/2018 13:12

• Pedro Duque será ministro de Ciencia; Isabel Celaá levará Educación; Magdalena Valerio asumirá a carteira de Traballo; Dolores Delgado levará Xustiza

• A galega Nadia Calviño recibe os eloxios de Bruxelas

 

Hoxe é o día en que Pedro Sánchez dará a coñecer os nomes que faltan para completar o seu goberno. Quedan as áreas máis importes da política interna, como Xustiza, Interior ou Defensa, e tamén Educación, Cultura, Pesca ou Agricultura. Entre os nomes que optan a carteiras ministeriais, o de Margarita Robles ou a galega Pilar Cancela. Dos que se coñecen ata agora dedúcese que será un goberno con maioría de mulleres, que acadan as carteiras máis relevantes.

O astronauta Pedro Duque será o ministro de Ciencia do Goberno de Pedro Sánchez. Madrileño, de 55 anos, Duque é enxeñeiro aeronáutico e o primeiro astronauta español. 

A ex-conselleira vasca Isabel Celaá será a nova ministra de Educación. Foi conselleira na época na que o socialista Patxi López foi lehendakarie é a actual presidenta da Comisión de Garantías do PSOE. 

A secretaria executiva de Seguridade Social y Pacto de Toledo do PSOE, Magdalena Valerio, será a próxima ministra de Traballo. 

A fiscal Dolores Delgado é a nova ministra de Xustiza, especializada en xihadismo e é membro do Consello Fiscal. 

A elección da coruñesa Nadia Calviño como ministra de Economía é interpretada como unha mensaxe de ortodoxia e compromiso coas políticas económicas da Unión Europea. É economista e avogada, alta funcionaria en Bruxelas, responsable desde 2014 de elaborar os presupostos e as normas financeiras da Comisión.

Tras o seu nomeamento chegaron as primeiras felicitacións desde Bruxelas e o Eurogrupo. O voceiro do presidente da Comisión trasladaba a Sánchez as felicitacións de Juncker e Donal Tusk emprazaba o novo presidente español a seguir traballando nunha liña construtiva e proeuropea e a manter unha reunión antes do cumio de xuño. 

Outra das felicitacións máis comentadas a Nadia Calviño chegou da presidenta do Grupo Santander, Ana Botín, que interpreta o seu nomeamento como unha garantía de que España seguirá gañando peso nas institucións europeas. 

A outra pata da política económica descansará noutra muller, que dirixirá o Ministerio de Facenda. María Jesús Montero, un peso pesado do Goberno de Susana Díaz, terá que negociar os presupostos de 2019, en que se incluirá un teito de gasto que debe ser aprobado o mes que vén.

A política de urxencia social será un dos piares do novo goberno socialista, segundo o propio Pedro Sánchez. Onte fóronse desvelando máis nomes do seu Executivo. O último, o de Carmen Montón. A actual conselleira de Sanidade da Generalitat valenciana será ministra de Sanidade, Consumo e Benestar Social. Amiga persoal do presidente do Goberno, é coñecida por desmantelar o modelo de concesións sanitarias e por impulsar leis que eliminan os copagos. 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/06/2018