CRTVG

Buscar

Sánchez visita en hospitais de Barcelona axentes feridos nos disturbios

Publicado o 21/10/2019 12:16

• O presidente loa o labor da policía e envíalle unha carta a Torra para lembrarlle a obriga de "condenar a violencia"

Torra respóndelle a Sánchez que poden reunirse hoxe mesmo na capital catalá

O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, visitou este luns axentes feridos nos disturbios dos últimos días e que se atopan ingresados en diferentes hospitais de Barcelona.

Tras reunirse con mandos policiais na Xefatura Superior de Policía de Cataluña, na Vía Laietana de Barcelona, acompañado do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, e da delegada do Goberno en Cataluña, Teresa Cunillera, Sánchez dirixiuse ao hospital do Sagrat Cor para visitar policías feridos nos incidentes da rúa.

Posteriormente, trasladouse ao hospital de Sant Pau, onde tamén puido visitar axentes feridos e transmitirlles unha mensaxe de ánimo e apoio.

Á súa saída, tanto do Sagrat Cor como de Sant Pau, decenas de persoas que se concentraran nos accesos a ambos os hospitais apuparon o presidente en funcións e lanzaron berros de "Liberdade presos políticos".

Entre os concentrados no hospital de Sant Pau atopábase Roger Español, candidato de JxCat ao Senado e que perdeu un ollo polo impacto dunha bala de goma durante as cargas policiais do 1-O.

Segundo o último balance, ata esta mañá contabilizábanse un total de 289 axentes feridos: 154 dos Mossos d'Esquadra, 134 da Policía Nacional e un da Garda Urbana.

Deles, un total de 236 correspondían á provincia de Barcelona, 19 a Xirona, 17 a Tarragona e outros 17 a Lleida.

Por outra banda, Sánchez explicou a través de Twitter que falou coa presidenta da Deputación de Barcelona, Núria Marín, para "transmitirlle o apoio e a solidariedade do Goberno de España con Barcelona".

"Traballamos para restablecer a convivencia e garantir os dereitos e a seguridade de toda a cidadanía en Cataluña", afirmou.

Antes, o presidente do Goberno eloxiara a Policía Nacional como "exemplo de profesionalidade e de vocación de servizo público", e fixo un chamamento para "garantir a moderación que representan" os corpos policiais para "asegurar a convivencia".

Así o dixo no seu discurso ante os mandos policiais na Xefatura Superior de Policía de Cataluña, na Vía Laietana de Barcelona, acompañado do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, e da delegada do Goberno en Cataluña, Teresa Cunillera.

Despois dos disturbios desta pasada semana nas rúas de Barcelona e outras cidades catalás, nas mobilizacións dos CDR en protesta pola sentenza do 'procés', Sánchez saíu en defensa do labor policial.

"Non estades sós, hai moitísima xente detrás vosa", destacou Sánchez, que tivo "palabras de agradecemento, de recoñecemento, de solidariedade, de apoio e sobre todo de ánimo" para os axentes.

Segundo o presidente en funcións, resulta "evidente que os radicais e os violentos decidiron que Barcelona sexa o teatro de operacións", para "trasladar fose e ao conxunto da sociedade española a súa contestación" e convertela en "algo moito máis extraordinario do que realmente é, que sen ningunha dúbida o é".

"Nestes momentos é moi importante garantir a moderación que representan as forzas e corpos de seguridade, para asegurar esa convivencia que agora mesmo está posta en cuestión", sinalou.

Sánchez advertiu de que "a crise non acabou", polo que "temos que persistir", e engadiu: "Eles probablemente queiran persistir, cronificar esta crise. Nós somos moito máis persistentes".

Tras a súa visita á sede da Xefatura, Sánchez saíu do edificio, onde tamén escoitou algúns apupos e berros de "Liberdade presos políticos", antes de dirixirse aos hospitais.

Previamente a esta visita a Cataluña, o presidente do Goberno en funcións enviáralle esta mañá unha carta ao presidente da Generalitat, Quim Torra, para lembrarlle a súa obrigación de condenar a violencia e "evitar a discordia civil". 

Nesa carta Sánchez dille que son obrigacións de todo responsable público "condenar a violencia de forma rotunda, amparar as forzas de seguridade que a combaten e evitar a discordia civil".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí