CRTVG

Buscar

Sánchez e outros oito líderes de países da UE piden 'coronabonos'

Publicado o 25/03/2020 21:49

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e outros oito líderes europeos subscribiron unha carta dirixida ao presidente do Consello, Charles Michel, na que reclaman a implementación dun instrumento común para emitir débeda, bonos europeos cos que poder facer fronte á crise do coronavirus.

A carta asínana xunto a Sánchez os xefes de Estado ou de Goberno de Francia, Italia, Bélxica, Portugal, Irlanda, Grecia, Eslovenia e Luxemburgo, e nela reclaman este instrumento para que a procura de fondos nos mercados se poida facer coas mesmas condicións para todos os países da UE e para asegurar "un financiamento estable a longo prazo" que faga posible tratar as medidas que se necesitarán para contrarrestar os danos da pandemia.

Avisan, por outra banda, de que o éxito da contención da pandemia na UE dependerá do "momento, a extensión e a coordinación das medidas sanitarias tomadas polos distintos gobernos".

Tamén consideran que hai que pedir á Comisión Europea que aposte por liñas de actuación acordadas polos Estados membros e por unha base común para conseguir e compartir toda a información médica e epidemiolóxica.

É "esencial", advirten, preservar o funcionamento do mercado único para dar a todos os cidadáns europeos o mellor coidado posible e a garantía máis forte de que non haberá escaseza de ningún tipo.

Por iso, comprométense a manter as fronteiras interiores abertas para o comercio, o intercambio de información e os movementos esenciais dos cidadáns europeos, especialmente entre os traballadores que teñen que cruzar duns países a outros para cumpriren co seu labor.

Tamén subliñan que é necesario que sigan funcionando as cadeas de produtos esenciais e non haxa adquisicións "hostís" nesta fase de dificultades económicas.

Os nove países prometen poñer todos os seus esforzos en garantir a produción e distribución do equipamento médico e de protección necesarias para afrontar esta crise e envialo da forma máis rápida a onde máis se necesite.

"Necesitamos un aliñamento das prácticas en Europa baseado nas experiencias exitosas pasadas, nos expertos, a análise e o rigoroso intercambio de información", sinalan os nove líderes.

No tocante ás medidas económicas, os asinantes recoñecen as xa acordadas pero piden máis. Advirten de que toda a UE ten que recoñecer a gravidade da situación e da necesidade de accións que sirvan agora de "muro de contención" para as economías e as preparen coas mellores condicións posibles para que poidan recuperarse no futuro.

Iso require, advirten, de instrumentos fiscais comúns para axudar aos esforzos de financiamento que teña que facer cada país e garantir a solidariedade entre os estados membros. E reclaman en particular os citados eurobonos.

Pero ademais consideran que se pode buscar outras ferramentas, como un fondo específico sobre o coronavirus no orzamento europeo, polo menos para este ano e o que vén.

Os nove líderes conclúen a súa carta subliñando que hai que fortalecer a unión económica e monetaria para enviar unha forte mensaxe aos cidadáns europeos sobre a determinación de todos os seus líderes de buscar unha resposta unitaria. E recalcan a necesidade de prepararse para "o día despois".