Sánchez e o presidente de Ceuta buscan alternativas tras a paralización das devolucións de menores
O xefe do Executivo, Pedro Sánchez, e o presidente de Ceuta, Juan Jesús Vivas, manteñen este mércores un encontro no Palacio da Moncloa para buscar solucións á situación dos menores marroquís non acompañados que permanecen na cidade autónoma e cuxa repatriación foi paralizada preventivamente.
Unha vez que a crise diplomática con Marrocos se reconduciu, o pasado 13 de agosto comezou un proceso de repatriación de parte destes menores, pero actualmente está inmerso en varios procedementos xudiciais e de momento está paralizado ata que haxa unha resolución definitiva nos tribunais.
Segundo fontes do goberno ceutí, Vivas acode á Moncloa para "abordar de urxencia a insostible situación" tras a última resolución xudicial, en concreto a do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ceuta que mantén a suspensión cautelar urxente da repatriación de nove menores migrantes.
Ao preguntarlle se cre que a reunión de Sánchez e Vivas supón que o desautorizan, o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, insistiu en que o seu departamento "non é o competente nin para a tutela nin tampouco para resolver ou decidir sobre ningún retorno asistido". "Así que dificilmente podo sentirme desautorizado", engadiu o ministro, antes de deixar claro que o Goberno "acata e cumpre" as resolucións xudiciais. "Faltaría máis", salientou.
No auto queda recollido que non consta que se cumpriu con ningún dos preceptivos trámites que esixe a Lei de estranxeiría, resaltando que non se achegou información ningunha dos menores afectados, nin tampouco ás institucións pertinentes, de forma se que se puidesen coñecer os datos que determinaron a repatriación.