CRTVG

Buscar

Sánchez e Iglesias asinan un preacordo para un goberno de coalición progresista

Publicado o 12/11/2019 21:14

• O líder de Podemos exercerá de vicepresidente

• Prometen lealdade para garantir un goberno de catro anos

PP, Cs e Vox, moi críticos con Sánchez | Más País celébrao | PNV e BNG, dispostos a dialogar | JxCat e ERC están no "non" a Sánchez

En menos de 48 horas, Pedro Sánchez e Pablo Iglesias conseguiron o que non foron quen en 5 meses. O preacordo asinado hoxe non define nin a estrutura do futuro executivo nin a repartición de ministerios, aínda que fontes dos dous partidos anticiparon xa que Pablo Iglesias será vicepresidente nese novo Gobern. É dos poucos detalles que se filtraron, xa que a concreción do novo executivo aínda está por negociar e non a anunciarán ata despois da investidura. 

Os dous líderes din que é hora de deixar atrás os reproches, e fixan entre as súas prioridades serán favorecer o diálogo en Cataluña e aprobar medidas de xustiza social para frear o avance da ultradereita. Pedro Sánchez di que será un executivo rotundamente progresista, e Pablo Iglesias comprometeuse a actuar con lealdade. O acordo é só un primeiro paso para a investidura do líder socialista: os dous partidos suman 155 escanos, a 21 da maioría absoluta da cámara.

Será o primeiro goberno de coalición desde a volta da democracia. Pedro Sánchez e Pablo Iglesias acordan en día e medio o que non lograron en 5 meses. Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, cre que "é tempo de deixar atrás calquera reproche. Pedro Sánchez sabe que poderá contar con toda a nosa lealdade". Para Pedro Sánchez, secretario xeral do PSOE, "o proxecto político é tan ilusionante que supera calquera tipo de desencontro que puidésemos ter nos últimos meses".

O preacordo non inclúe a repartición de carteiras, que se comezará a negociar agora, aínda que, segundo varios medios, o PSOE acepta que Iglesias sexa vicepresidente. O documento contén dez puntos que van desde a loita contra a precariedade laboral, medidas contra a despoboación e o cambio climático ou a busca de fórmulas, dentro da Constitución, para garantir a convivencia en Cataluña. 

Pedro Sánchez, secretario xeral do PSOE, augura "un goberno progresista, cun proxecto eu diría ilusionante, emocionante, esperanzador para a maioría social deste país, que sobre todo vai traballar polo progreso de España e polo progreso daqueles que máis o necesitan".

Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, espera "que combine a experiencia do PSOE coa valentía de Unidas Podemos, un goberno que traballe polo diálogo para afrontar a crise territorial e pola xustiza social como a mellor vacina fronte á extrema dereita".

Di Sánchez que o documento está aberto a novas adhesións para garantir non só a investidura, senón a estabilidade da lexislatura. O PSOE abrirá agora unha rolda de contactos coas demáis forzas para buscar os apoios que aínda lle faltan, un labor no que tamén se vai comprometer o líder de Unidas Podemos.

Acordo en 10 puntos

O PSOE e Unidas Podemos alcanzaron un preacordo en relación con 10 puntos.

1) Consolidar o crecemento e a creación de emprego "digno, estable e de calidade".

2) Rexeración e loita contra a corrupción. Protección dos servizos públicos. Blindaxe das pensións. A vivenda como dereito. Aposta pola ciencia. Control das casas de apostas.

3) Loita contra o cambio climático.

4) Fortalecemento das pequenas e medianas empresas e os autónomos. Impulsar a reindustrialización.

5) Novos dereitos: morte digna, eutanasia, e "asegurar España como país de memoria e dignidade".

6) Asegurar a cultura como dereito. Fomentar o deporte.

7) Políticas feministas: loita "decidida" contra a violencia machista e igualdade retributiva e laboral.

8) Apoio á chamada "España baleirada".

9) Garantir a convivencia en Cataluña, fomentando o "diálogo sempre dentro da Constitución", afortalando o estado das autonomías.

10) Xustiza social e equilibrio presupostario.

Meses de desencontros polo goberno de coalición

Pedro Sánchez e Pablo Iglesias pecharon en horas un acordo que non foran capaces de acadar en meses tras as eleccións de abril. Meses caracterizados polos continuos desencontros entre os dous líderes. Iglesias insistiu desde o primeiro minuto no goberno de coalición pero o PSOE prefería a cooperación.  "Non só me dixo que non, senón que cualificou de idiotez a proposta", chegou a afirmar Sánchez, ao que Iglesias lle respondía: "é unha obsesión absurda e fóra de época un goberno de partido único".

Os de Iglesias tensaron a corda para entrar no goberno. Reclamaron competencias en Facenda, Transición Ecolóxica, Igualdade ou Traballo. Pero non houbo acordo e Sánchez fracasou nas dúas votacións de investidura. 

"Démonos conta de que querían entrar no Goberno para controlar o Goberno. Non coñezo precedentes en que un dirixente se sinta humillado ante a oferta dunha vicepresidencia ou un ministerio", dixo Sánchez.

"Renunciamos ao Ministerio de Traballo se nos cede as competencias en políticas activas de emprego", respondeulle Iglesias.

Os reproches cruzados nos medios de comunicación medraron en intesidade ata quitar o sono. "Sería un presidente do Goberno que non durmiría pola noite", chegou a dicir Pedro Sánchez. E Iglesias non tardou en reaccionar: "cando un presidente do Goberno non dorme ben pode cambiar o colchón da Moncloa as veces que queira".

Os equipos negociadores seguiron reuníndose ata o último pero os desencontros levaron a novas eleccións. "É moi difícil negociar en 48 horas o que non se quixo negociar en 80 días", asegurou o secretario xeral de Podemos. Pero desta vez esas 48 horas si chegaron para alcanzar o acordo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí