CRTVG

Buscar

Sánchez ofrece a Díaz a vicepresidencia terceira para que conserve Traballo

Publicado o 16/03/2021 18:44

O papel que debe xogar a actual ministra de Traballo, Yolanda Díaz, no Goberno de coalición tras a marcha do vicepresidente segundo, Pablo Iglesias, é o escollo que mantén aberta a negociación entre o presidente Pedro Sánchez e o líder de Unidas Podemos sobre como debe ser a súa substitución no Executivo, segundo explican fontes coñecedoras da negociación.

En concreto, Sánchez discrepa con Iglesias sobre a conveniencia de que Díaz asuma a vicepresidenta segunda e compatibilice este cargo co Ministerio de Traballo, como propuxo o líder 'morado', e como ela mesma deu por feito este luns nunha mensaxe que difundiu nas redes sociais.

A alternativa pasa por que Díaz asuma a Vicepresidencia Terceira e poida así conservar Traballo. Ese cambio evitaría que, no organigrama do Executivo, unha ministra cunha carteira económica, como é Traballo, quede por diante da vicepresidenta terceira de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, con quen ademais Díaz protagoniza importantes pulsos dentro do Goberno, como o da derrogación da reforma laboral.

Fontes gobernamentais explican que a intención de Sánchez é manter a "coherencia", e non realizar moitos cambios.

O Goberno informou de que Sánchez e Iglesias mantiveron un breve encontro tras a reunión do Consello de Ministros, o primeiro despois de que o secretario xeral de Podemos anunciase a súa saída do Goberno para ser candidato á presidencia da Comunidade de Madrid.

"Ambos consideran que hai acordo nos cambios que deben acometerse e soamente falta rematar algúns detalles en base ao acordo de coalición", segundo informaron desde o Palacio da Moncloa.

Iglesias dixo onte que comunicara a Sánchez a súa decisión de abandonar o Goberno antes de facela pública e revelou que lle propuxo que a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, asuma a vicepresidencia segunda e que entre no Executivo a secretaria de Estado Ione Belarra como titular de Asuntos Sociais.

Sánchez, tras o cumio hispano-francés celebrado na localidade gala de Montauban, dixo que ten a mellor das opinións de Díaz e deu a entender que asumiría que fose a vicepresidenta segunda.

Dixo que sería nos próximos días cando decidiría os cambios, pero avanzou que a ministra de Traballo conta con todo o seu apoio e asegurou que el cumpre cos acordos do Goberno de coalición e que inclúen que Unidas Podemos teña unha vicepresidencia.

"Niso non vai haber ningún tipo de problema nin de malentendido. Vai haber continuidade, como non pode ser doutra forma", apostilou.

Tras coñecerse a reunión deste martes entre Sánchez e Iglesias, a ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero, na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello de Ministros referiuse á saída do vicepresidente e asegurou que os cambios que haxa non van variar o rumbo do executivo.

Nesa liña, sinalou que o acordo de coalición apostou por non deixar a ninguén atrás na sociedade española, aprobáronse medidas ambiciosas para facer fronte aos efectos da pandemia de coronavirus e así se seguirá actuando.

Desde o PP pídenlle a Sánchez que aproveite a ocasión para reducir ministerios e vicepresidencias. E insisten en que Iglesias ten que abandonar xa o Executivo sen agardar a que arranque oficialmente a campaña tal e como pretende.