CRTVG

Buscar

Sánchez e Biden acordan usar as bases de Rota e Morón para acoller cidadáns afgáns

Publicado o 22/08/2021 23:39

• Chega un novo avión español a Torrexón con 177 refuxiados afgáns

O xefe do executivo español cualifica de "frutífera" a charla co presidente dos Estados Unidos. Acordaron por teléfono que España albergue excolaboradores afgáns dos Estados Unidos en Afganistán, mentres se pecha seu tránsito cara outros países.

Foi unha conversa duns 25 minutos sobre a situación en Afganistán e a evacuación de milleiros de cidadáns que colaboraron cos Estados Unidos e outros países occidentais tras a caída de Cabul hai unha semana.

Biden eloxiou o "liderado" de España para "mobilizar apoio internacional" para as mulleres e as nenas afgás. Conforme o comunicado difundido pola Casa Branca este sábado, Biden agradeceulle a Sánchez " a asistencia de España para acoller de xeito temporal a afgáns en perigo que van con destino aos Estados Unidos nas bases de Rota  en Cádiz e Morón en Sevilla.

Os dous lideres trataron dos "últimos acontecementos en Afganistán" e destacaron "o traballo conxunto" dos seus países para evacuar de xeito seguro os seus cidadáns que din apoiaron as misións da Unión Europea e a outros afgáns vulnerables.

A Administración estadounidense busca alternativas en Europa a aeroportos como o de Dubái, que o venres non era capaz de asumir todos os voos con expatriados procedentes de Cabul.

Mentres, o proceso de evacuación por parte de efectivos aéreos españois continúa a bo ritmo. Este domingo chegou as 22:30 un novo avión comercial de Air Europa á base de Torrexón con outro grupo de refuxiados afgáns trasladados a España desde Cabul. A madrugada pasada, dous avións militares evacuaron desde Cabul a Dubai 177 persoas máis, que son os que chegaron esta noite á base aérea de Torrexón.

España conta con autorización para dous voos diarios, que saen de madrugada desde o aeroporto de Cabul cara a Dubai, onde os refuxiados embarcan nunha aeronave de Air Europa cara a España.